Actuarase en 300 km de estradas, 83 km de camiños forestais e preto de 32 hectáreas de terreos.
O Concello vén de completar o procedemento de contratación do servizo de roza e desbroce de cunetas de estradas e parcelas de titularidade municipal. Na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse adxudicar os cinco lotes nos que foi dividido o contrato a outras tantas empresas co obxectivo de axilizar a execución dos traballos.
O propósito desta campaña anual de desbroce é eliminar a vexetación herbácea nas marxes das estradas para frear o seu crecemento, mellorar a visibilidade dos condutores e viandantes e reforzar a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público na rede viaria.
En total o Concello destinará 140.000 euros procedentes integramente de fondos municipais para realizar esas actuacións en máis de trescentos quilómetros de estradas municipais, 83 quilómetros de pistas forestais e preto de 32 hectáreas de parcelas e terreos municipais que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes.
Unha vez adxudicados os contratos, as intervencións na rede viaria comezarán a executarse nos próximos días.
Persoal para a limpeza da praia de Caión
A Xunta de Goberno Local tamén acordou concorrer á convocatoria de axudas da Deputación da Coruña dirixidas á contratación de persoal para a limpeza de praias marítimas. Ao abeiro de dito programa, o Concello presenta unha proposta para cofinanciar a incorporación de oito traballadores (seis peóns e dous capataces) que prestarían servizo no areal de Caión durante os tres meses do verán.