A chegada do bo tempo anima a emprender actividades lúdico-formativas ao aire libre. A concelleira do Medio Ambiente da Pobra do Caramiñal, Genoveva Hermo, xunto coa técnica municipal desta área, Beatriz González, explica que se promove unha ruta xeolóxica polo río das Pedras coa finalizade de pór en valor a riqueza do territorio nesta área do municipio, ademais de coñece-lo proceso de formación da paisaxe e a súa evolución no tempo.
O xeólogo Francisco Canosa Martínez guiará esta proposta no 23 de abril. A praza Alcalde Segundo Durán figura como punto de encontro ás 10.00 horas, para se desprazar en vehículos particulares ao aparcadoiro da Aldea Vella, para logo iniciar a pé un itinerario que, ao longo de 5 quilómetros, percorrerá a contorna dun dos espazos naturais máis emblemáticos da localidade.
Establécense un total de 20 prazas e as inscricións efectuaranse de balde a través do enderezo electrónico medioambiente@apobra.gal.