A Oficina Técnica Municipal tamén recibiu entre xaneiro e marzo solicitudes de licenza para a construción de 3 naves industriais e 5 vivendas unifamiliares
O Concello de Carballo recibiu no primeiro trimestre deste ano un total de 17 comunicacións previas relacionadas con actividades empresariais, na súa maioría para a posta en marcha de novos negocios, e ademais moi variados. Por poñer algúns exemplos, entre as iniciativas emprendedoras en marcha figuran unha clínica dental e un laboratorio de prótesis dentais, xestoría, comercial de pinturas, taller de manualidades, locais de oficinas, centro de estética, reparación ou lavado de vehículos ou deseño dixital. Noutros casos o que se tramita é un cambio de actividade ou de titularidade de establecementos, varios de hostalaría.
Cinco das 17 comunicacións previas están vinculadas ao próximo inicio da actividade do parque comercial A Revolta, que ten fixada a data de inauguración para o 6 de maio e a de apertura ao público, para o 8 do mesmo mes. En concreto, estas comunicacións previas son para unha tenda de roupa, outra de calzado, outra de produtos de veterinaria, outra de perfumería e unha churrería.
A actividade empresarial no noso concello non só se reflicte nos datos de actividade, senón tamén nos de obras de construción e renovación. Entre xaneiro e marzo presentáronse no Rexistro Municipal solicitudes de licenza para a construción de 3 naves industriais no polígono de Bértoa, onde este tipo de obras teñen os días contados porque xa só quedan 5 parcelas dispoñibles.
En canto aos proxectos de edificación residencial, nestes tres meses presentáronse solicitudes de licenza para a construción de 5 vivendas unifamiliares, e tres delas xa foron aprobadas pola Xunta de Goberno Local na sesión celebrada esta semana.
.