O pleno deu luz verde ao convenio para a construción dos accesos ao novo Chuac, para o que o Concello ten consignado 1 millón de euros no orzamento deste ano
Aprobada a renovación da Ordenanza de Protección e Tenza de Animais, que converte a cala de Bens na primeira cala canina da Coruña
O Concello da Coruña aprobou hoxe, no pleno ordinario correspondente ao mes de abril, unha modificación de crédito por valor de 10.843.739,48 euros nos orzamentos deste ano. Esta operación é necesaria para acometer obras como as dos accesos ao Novo Chuac, que, baseándose no comprometido polo Concello e co obxectivo de que os traballos comecen este mesmo ano, consignan un investimento municipal dun millón de euros no actual orzamento.
O modificativo, tal e como explicou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, permitirá afrontar actuacións de mellora no Parque de Bombeiros de Agrela e sufragará as anualidades correspondentes ás obras de urbanización que están en marcha desde o ano pasado no barrio de Xuxán.
Ademais, este modificativo de case 11 millóns de euros tamén inclúe as achegas municipais previstas nas intervencións de rehabilitación urbanística vencelladas a fondos Eidus (humanización do sector leste do Paseo Marítimo) e Next Generation (a execución do tramo da Rolda Peonil entre Alcalde Marchesi e Río Monelos, os ERRP de Cidade Vella – Pescaría, Casas de Franco, Barrio das Flores e as Vivendas de María Pita). Inclúense, tamén, as partidas comprometidas polo Concello de cara a este ano no Plan de Obras e
Servizos (POS) 2022 da Deputación, correspondentes á execución da nova rotonda na contorna das Rañas.
Por outra banda, darase tamén resposta a solicitudes presentadas pola cidadanía a través dos Orzamentos Participativos, correspondentes a novas infraestruturas e melloras da mobilidade na Agra do Orzán, Sagrada Familia, Palavea, Elviña, Castro de Elviña, San Cristovo e A Zapateira. Na meirande parte dos casos, os investimentos previstos a través deste modificativo céntranse na ampliación de espazos peonís nos barrios, o incremento de zonas de arboredo e a creación ou remodelación dos parques e zonas de xogos infantís.
“Este modificativo ten o obxecto de contribuír ao financiamento de proxectos en curso ou adxudicados, proxectos que xeran un amplo consenso na súa necesidade de execución para mellorar esta cidade”, subliñou o voceiro do Goberno municipal.
Aprobados 7,2 millóns en convenios nominativos coas entidades
Noutra orde de asuntos, no pleno ordinario deste xoves aprobouse tamén o anexo desubvencións nominativas correspondentes a este ano 2023. O expediente, que recibiu o visto bo da Xunta de Goberno Local o pasado luns 10 de abril, abrangue unha partida de 7.267.023 euros que permitirá apoiar as actividades das entidades, colectivos e asociacións da cidade que traballan no eido do benestar social, o deporte e a cultura, entre outros. José Manuel Lage explicou que os fondos permitirán axudar a máis de 200 entidades da cidade mediante 250 convenios. A cifra destinada a tal fin é semellante á do ano pasado. A proposta do Goberno municipal recibiu o voto favorable do resto dos grupos, agás da Marea Atlántica e da concelleira non adscrita Isabel Faraldo, que se abstiveron.
“O traballo das nosas entidades é bo para a cidade e, por tanto, é bo para o Concello, e por
iso é importante que poidan dispoñer dos recursos precisos, que quedarán encarrilados tras
a aprobación deste modificativo”, sinalou José Manuel Lage.
Visto bo ao novo convenio marco para executar as obras do novo Chuac
Deuse luz verde tamén á proposta de convenio pactada a mediados de marzo polo Concello e a Xunta con vistas a executar as obras do Novo Chuac. O novo texto, que incorpora os acordos acadados por ambas as dúas Administracións hai un mes, aprobouse co voto a favor de todos os grupos, agás os da Marea Atlántica e a concelleira non adscrita Isabel Faraldo, que se abstiveron.
Neste sentido, e unha vez que as dúas Administracións concretaron o mes pasado que a Xunta asumirá o custo das expropiacións dos terreos necesarios para ampliar as instalacións hospitalarias e o Concello encargarase de financiar as obras nos accesos e conexións viarias do novo Chuac —sendo, ademais, o titular dos mesmos—, a nova redacción do convenio marco —aprobado hoxe no pleno— determina que o Concello levará a cabo un investimento de 22.220.000 euros entre os anos 2023 e 2025, cunha primeira anualidade dun millón de euros, correspondente a este exercicio e que o consistorio aboará no primeiro trimestre de 2024.
José Manuel Lage, puxo en valor “a axilidade do Concello” en relación aos prazos marcados inicialmente coa Xunta, que estimaban o debate plenario deste convenio neste segundo semestre de ano. “Na reunión do 14 de marzo desbloqueouse a cuestión e traemos o convenio ao pleno moito antes do previsto. Hoxe, ao aprobar tamén o modificativo e dotar a anualidade municipal para as obras dos accesos ao Novo Chuac, damos cumprimento aos dous elementos principais acordados na reunión de marzo”, subliñou Lage, quen indicou que o Goberno de Inés Rey velará desde agora para que a Xunta cumpra os prazos e execute as obras comprometidas.
A Ordenanza Municipal para a Protección e Tenza de Animais
O pleno tamén aprobou a modificación puntual da Ordenanza Municipal para a Protección e Tenza de Animais.
A ordenanza municipal actual remóntase ao ano 1997, polo que a proposta elevada hoxe polo Goberno municipal actualízaa incorporando cambios legais como a supresión do sacrificio animal e introducindo requisitos hixiénicos como a obriga da limpeza con auga das miccións dos cans, segundo explicou a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán.
Ademais, a ordenanza recolle un incremento das sancións por non recoller as dexeccións das mascotas. As infraccións leves que antes oscilaban entre os 30 e os 300 euros, pasan agora dun mínimo de 100 ata 500 euros.
Ademais, a modificación da ordenanza abrangue a novidade da inclusión da cala de Bens como praia canina durante todo o ano, para que as persoas usuarias poidan ir ao areal acompañadas polos seus cans.