Emprazado no Centro Cultural de Sigüeiro, nace cun fondo bibliográfico e audiovisual de máis de douscentos documentos
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, e o xerente da sociedade Xacobeo da Xunta de Galicia, Rafael Sánchez Bargiela, presentaron esta mañá o Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés. Trátase dunha iniciativa municipal que abre as súas portas no centro cultural de Sigüeiro, cun fondo bibliográfico e audiovisual de máis de douscentos documentos e que está especialmente dirixido a investigadores do Camiño Inglés.
Mirás Franqueira e Sánchez Bargiela estiveron acompañados polo deputado provincial Antonio Leira; polo concelleiros de Cultura, Luís Rey Villaverde; Turismo, Vanesa Boo; Ensino, Beatriz Rodeiro; Obras, Eduardo Veiras; polos directores dos distintos centros educativos de Oroso, polos propietarios dos tres albergues de peregrinos privados de Sigüeiro e por persoal municipal e veciños/as que participaron na posta en marcha deste centro.
Colaboración entre Administracións
Manuel Mirás indicou que “hoxe é un día grande para o Concello de Oroso e o Camiño Inglés” e destacou que “debe prevalecer unha boa colaboración entre Administracións para que a cidadanía reciba unha mellor atención e uns mellores servizos”. Neste sentido, convidou ao xerente do Xacobeo a “buscar unha solución entre todos para atender aos peregrinos tanto dende a iniciativa privada como pública”.
O alcalde orosán recoñeceu que “a nosa decisión de non ceder o pavillón municipal como albergue dos peregrinos non foi moi entendida fora de Oroso, pero estamos falando dunha instalación que está ocupada todas as horas do día, ben por clubs deportivos, ben por veciños e veciñas, ben polos estudantes do colexio, polo que non podiamos seguir utilizándoo como albergue”. Neste sentido, indicou que “as necesidades de instalacións deportivas nun concello como Oroso son moitas e mesmo temos pedido a colaboración da Deputación para facer un novo campo de fútbol de herba artificial”.
Manuel Mirás agradeceu a colaboración do Xacobeo cos fondos do Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés e salientou tamén a maior implicación da Deputación da Coruña, “pois así ten que ser xa que falamos do único dos Camiños cuxo percorrido se cingue a unha única provincia”. Así mesmo, aproveitou para facerlle unha petición ao xerente do Xacobeo: “sería importante que se sinalizara o mellor posible o trazado do Camiño Inglés e tamén pediría un esforzo maior na súa conservación”.
Sinalización do Camiño Inglés
Rafael Sánchez Bargiela recolleu a petición do alcalde orosán e indicou que “nestes días enviaremos o proxecto para a sinalización do Camiño Inglés. Espero poder executalo o ano que ven e que quede sinalizado todo o trazado do Camiño, así como mellorar algún tramo”. O xerente do Xacobeo salientou a importancia de que este Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés sexa “unha iniciativa municipal . É moi importante porque moitas veces os Concellos teñen unha actitude pasiva co Camiño cando necesitamos a colaboración de todos. Da Xunta, da Deputación, dos Concellos… de toda a sociedade”.
Sánchez Bargiela tamén destacou o feito de que “este centro conte cun fondo bibliográfico para estudosos e investigadores porque ás veces a dimensión turística do Camiño nos leva a esquecer a súa singularidade histórica, que é algo propio dos Camiños de Santiago e que non comparten todas as rutas”. Finalmente, o xerente do Xacobeo tamén puxo un reto: “o Camiño Inglés é o máis curto que temos pero penso que podemos recuperar as expedicións náuticas que viñan do norte de Europa e que pasaban polos portos da nosa costa”.
O Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés é unha iniciativa do Concello de Oroso dirixida a investigadores sobre o Camiño Inglés e que nace cuns fondos bibliográficos e audiovisuais de máis de 200 documentos, achegados polo Concello de Oroso, o Xacobeo e particulares. Uns fondos que serán catalogados pola Biblioteca Municipal de Sigüeiro e para o que tamén se pediu a colaboración dos distintos centros educativos do municipio.