A carreira, impulsada pola Deputación da Coruña co apoio do Concello de Santiago e a Federación Galega de Atletismo, foi presentada esta mañá na praza do Obradoiro. Este evento deportivo, que se desenvoverá o vindeiro domingo entre as 16:30 e as 20:00 h, contará coa participación de grandes atletas españois de carácter internacional como Adrián Ben, Tariku Novales, Daniel Arce, Fernando Carro, Irene Sánchez-Escribano, Crisina Ruíz e Esther Navarrete.
A proba “Os 10.000 peregrinos da Deputación da Coruña” presentouse esta mañá na praza do Obradoiro, nun acto que contou coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa; o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a deputada provincial de Deportes, Cristina Capelán, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín e o padriño da carreira, Juan Carlos Higuero.
O evento deportivo, que terá lugar o domingo pola tarde, constará de varias probas: unha carreira 10 e 5 quilómetros, homologada pola Real Federación Española de Atletismo; unha de dous quilómetros en ruta; e unha andaina de 5q uilómetros en ruta.
A distancia estrela será a carreira de 10 quilómetros, que contará coa participación de grandes atletas españois de carácter internacional como Adrián Ben, Tariku Novales, Daniel Arce, Fernando Carrol, Irene Sánchez-Escribano, Cristina Ruíz e Esther Navarrete.
O alcalde de Santiago quixo agradecer “á Deputación da Coruña, á Federación Galega de Atletismo e a todos os que fan posible esta proba o seu labor para sacar este evento adiante, que serve para fomentar o deporte en Santiago de Compostela ao mesmo tempo que se fai unha homenaxe aos peregrinos”.
O rexedor quixo destacar o amplo rango de idades que participará este domingo na carreira, “xa que poden participar persoas desde os 12 anos ata xente nada antes do ano 62, fomentando a participación de todos os públicos”.
Formoso destacou a “forte aposta tando da Deputación da Coruña como do Concello de Santiago por esta proba de atletismo en ruta, consensuada coas federacións, tando galega como nacional, e que vai a contar con miles de participantes e todos os servizos para atender aos deportistas”.
O presidente provincial fixo fincapé na presencia de “atletas de renome no ámbito do atletismo como Adrián Ben, Irene Sánchez-Escribano, Esther Navarrete, Daniel Arce ou Fernando Carro, que son referencias no ámbito das carreiras en ruta e que servirán de exemplo para todas as persoas maiores de 12 ano que este domingo van a desfrutar do percorrido por Santiago”.
Pola súa banda, a deputada de Deportes, Cristina Capelán, celebrou “o gran éxito de participación desta proba, que agardamos que este domingo poidan gozar da carreira”.
Para o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, “é un pracer ver como a través de sinerxias entre as diferentes administracións conséguense celebrar esta clase de eventos, que redundan no beneficio de todos os afeccionados do deporte”.
En palabras de Juan Carlos Higuero, “é un verdadeiro luxo poder ser o padriño dunha proba coma esta, que se atopa nun marco incomparable, e cunha meta cun significado tan especial como a Catedral de Santiago, un dos monumentos máis representativos a nivel mundial, e por onde cada día pasan miles de peregrinos”.
“A nivel competitivo, que tres atletas olímpicos participen na carreira do vindeiro domingo xa o di todo sobre a súa imporancia, que agardamos que sexa un evento duradeiro e que alcande un gran éxito no futuro” engadiu o corredor.
O obxectivo desta carreira é impulsar este deporte na provincia, creando unha proba de referencia no atletismo provincial e autonómico, dándolle a oportunidade a toda a poboación, independentemente da súa idade, de participar nunha proba única na provincia da Coruña, cun percorrido único.
A saída para cada unha das distancias será desde a rúa San Francisco e a meta estará ubicada na Praza do Obradoiro.
Cortes de tráfico
A carreira, que se desenvolverá entre as 16:30 e as 20:00 horas, terá o seguinte itinerario: rúa San Francisco, Campiño de San Francisco, avda. Xoán XXIII, avda. Burgo das Nacións, avda. Castelao, rúa Vista Alegre, rúa Salvadas, rúa Morón, rúa das Galeras, rúa Pombal, San Clemente, Campo da Estrela, avda. Xoán Carlos I, rúa Rosalía de Castro, rúa Montero Ríos, praza de Galicia, a Senra, avda. Figueroa, rúa de Bautizados, praza do Toural, rúa do Vilar, Fonseca e praza do Obradoiro.
Ao longo do percorrido produciranse unha serie de restricións do tráfico dando lugar aos seguintes desvíos:
– O tráfico procedente da rúa Rosalía Castro desviarase á dereita na praza de Vigo.
– O procedente de avda. das Burgas desviarase cara á avda. de Coruña.
– O tráfico que sae da avda. da Coruña deberá dirixirse cara á dereita pola rúa de Rosalía de Castro.
– Os vehículos procedentes da rúa do Hórreo desviaranse na praza de Galicia cara á Porta do Camiño.
– O tráfico procedente do Romaño deberá circular pola rotonda do Avío por Ulpiano Villanueva cara á avda. Castelao ou baixar polo carril dereito da calzada dividida con valos.
– A circulación de Galeras desviarase pola dereita pola rúa Poza de Bar.
– O tráfico de baixada da rúa Xoán XXIII dirixirase cara á avenida de Coímbra.
– Os vehículos que permanezan encerrados no circuíto, nas rúas de Montero Ríos, Carreira do Conde e o primeiro tramo de Xeneral Pardiñas, serán desviados polos policías situados neses puntos, a través das rúas Xeneral Pardiñas e Alfredo Brañas, cando o desenvolvemento da carreira o permita.
– Aqueles que queden dentro do circuíto, en Rodrigo de Padrón – San Clemente serán desviados pola rúa de Hortas dirección Poza de Bar, sempre que se poida.
– A saída do aparcadoiro de praza de Galicia desvíase cara ao Hórreo.
Tamén se producirán desvíos no transporte urbano que poden consultarse na páxina web de Tussa.