Friday 22 de November de 2024

O ciclo VANGAL chega á Fundación Luís Seoane co máis destacado da música galega de vangarda


Faia e Teresa Ferreiro inauguran as actuacións ao vivo este venres 14 de abril a partir das 21.00 horas

O sábado será a quenda de Laura LaMontagne & PicoAmperio e MounQup, mentres que o domingo pecharán o ciclo Sheila Patricia e Fillas de Cassandra

O ciclo cultural VANGAL de música de vangarda galega comeza este venres na Fundación Luís Seoane. Trátase dun evento multidisciplinar que combinará actuacións musicais con coloquios e intervencións expositivas ata o domingo 16 de abril.

O ciclo VANGAL reunirá a seis artistas actuais do panorama do folclore galego. Fillas de Cassandra actuará na Luis Seoane xunto con Sheila Patricia, MounQup, Faia, Teresa Ferreiro e Laura LaMontagne e PicoAmperio. De forma paralela, a Fundación Luis Seoane contará coa exposición “Colección Autóctona” de Teresa Ferreiro, ademais de diferentes charlas das artistas convidadas.

A entrada ás diferentes actuacións e actividades do ciclo é de balde ata completar a capacidade.

A programación de VANGAL ao detalle
Venres 14 | Faia (21.00 h) e Teresa Ferreiro (22.15 h)
Sábado 15 | Laura LaMontagne & PicoAmperio (21.00 h) e MounQup (21.00 h)
Domingo 16 | Sheila Patricia (19.00 h) e Fillas de Cassandra (20.15 h)

Ademais das actuacións, haberá dúas charlas de Faia e MounQup baixo o título “Ta mère la saltimbanque” na que falarán sobre os procesos creativos e os coidados vinculados á nai na música. Serán no recibidor da Fundación Luis Seoane este venres 14 e o sábado 15 respectivamente, ás 20.00 horas. As persoas que o desexen tamén poderán achegarse á Fundación Luis Seoane para ver a exposición de Teresa Ferreiro coas ilustracións da artista, dispoñible durante a totalidade do ciclo no patio da Fundación Luis Seoane.