Unha selección de rapazas e rapaces que estudan no CMUS Profesional interpretarán, de forma conxunta coa agrupación, pezas compostas por autores como Alfred Reed e Johan De Meij
Esta semana, e por segunda vez neste ano, a Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) actuará en concerto no Conservatorio Profesional de Música da cidade. Será o venres 14 ás 19.00 horas, nunha actuación moi especial, xa que os profesionais da agrupación interpretarán cinco composicións acompañados por unha selección de alumnas e alumnos do Conservatorio.
Esta iniciativa dá continuidade ao plan trazado desde a área municipal de Cultura para achegar a historia, tradición e traballo da Banda ás novas xeracións de músicas e músicos coruñeses. Desta forma, o alumnado do Conservatorio que cursa a asignatura de ‘Banda’ terá a oportunidade de expoñer o seu talento sobre as táboas, conxuntamente cos integrantes da Banda Municipal.
“É unha actuación formativa, de perfil pedagóxico, interesante para que os instrumentistasde vento coñezan pezas importantes para a súa formación”, apunta Juan Miguel RomeroLlopis, director titular da BMMC. Neste sentido, e con vistas á actuación deste venres no auditorio do Conservatorio, os ensaios conxuntos da Banda e o alumnado seleccionado para o concerto comezaron o pasado luns.
O programa da actuación deste venres está dividido en dous bloques. A primeira parte do concerto abrirase cunha ‘Sinfonía para Banda’ do compositor italiano Amilcare Ponchielli.
Esta primeira peza abre camiño á interpretación dun total de tres aberturas de autores europeos e americanos, como Alfred Reed e C.T. Smith.
A segunda parte abrangue pezas máis contemporáneas, coa singularidade do peche coa ‘Dutch Masters Suite’ do neerlandés Johan De Meij, autor que, inspirado por tres cadrosflamencos pertencentes á escola pictórica dos Países Baixos no Século de Ouro, creou outras tres composicións asociadas ás pinturas.
O concerto deste venres no auditorio do Conservatorio Profesional será de libre acceso ata completar a capacidade prevista no recinto.
O achegamento da BMMC ás futuras xeracións de profesionais da música
O concerto deste venres será o primeiro que a BMMC leva a cabo no Conservatorio Profesional no contexto da programación da súa tempada de primavera. Porén, é a segunda actuación da agrupación no Conservatorio en menos dun mes. Xa a mediados de marzo, e co violoncellista Gregorio Keilin como artista convidado, a Banda actuou ante o alumnado do Conservatorio.