A obra, representada pola compañía Tantakka Teatroa, terá funcións o venres e o sábado, ás 20.30 horas
A programación teatral do ciclo reforza o papel da Coruña como capital cultural
O ciclo Principal de Primavera do Rosalía de Castro retómaseesta fin de semana cunha dobre sesión da obra “Mi hijo sólo camina un poco más lento”, a cargo da compañía Tanttaka Teatroa. Dirixida por Fernando Bernués e con Mirren Arrieta, Ane Gabarain, Klara Badiola, Mireia Gabilondo e Asier Hernández como algúns dos protagonistas, representarase o venres día 14 e o sábado día 15, ás 20.30 horas.
A obra fala con humor, sinxeleza e sinceridade, de temas como a memoria, a familia, o pasodo tempo, a aceptación do diferente, a mocidade, o amor, o medo, a soidade, a beleza, o abandono, a loucura e a enfermidade. Faino co pretexto da conmemoración do 25 aniversario de Branko, afectado por unha enfermidade dexenerativa, da man de Mía, unha muller imprescindible no día a día da súa casa, que loita contra os seus demos mentres coida da súa nai, do seu pai, da súa filla, do seu marido e, especialmente, do seu fillo Branko.
“Mi hijo sólo camina un poco más lento”, de Ivor Martini, é un texto que foi recoñecido con numerosos premios e as súas postas en escena sucédense dun país a outro. A casa familiar é o espazo diverso no que se dan infinidade de situacións, algunhas graciosas, outras crueis ou conmovedoras e moitas difíciles de clasificar. Tamén é especialmente interesante a diversidade de idades nos personaxes, hai avós, nais, fillos adolescentes, un rexistro variado que lle proporciona á peza gran variedade e riqueza.
Ciclo Principal
O Ciclo Principal de Primavera do Teatro Rosalía de Castro está conformado por catorce obras, cunha programación moi variada e de moi alta calidade onde destaca a presenza de actores como Eduard Fernández, Miguel Ángel Solá, Carlos Blanco ou Natalia Verbeke, ademais de directores como Pablo Messiez, Lluis Homar e Claudio Tolcachir.
O ciclo abriuse o 27 e 28 de xaneiro coa obra “La voluntad de creer”, unha das máis exitosas do 2022, baixo a dirección de Pablo Messiez. Entre as citas destacadas figuraron tamén a representación de “La infamia”, un excelente testemuño do caso de acoso e persecución da xornalista mexicana Lydia Cacho, ademais da estrea absoluta dunha obra de Henrik Ibsen,
“Unha inimiga do pobo”, da man da compañía galega Talía Teatro.
Tamén destacou o feito de que despois de moito tempo A Coruña contou coa presenza do prestixio actor Miguel Ángel Solá, con “Doble o nada” e de Eduard Fernández, que interpretou en solitario “Todas as cancións de amor”.
O Ciclo Principal conta ademais cunha gran relación de directores, entre os que se podencitar a Claudio Tolcachir, que na obra “Tercer cuerpo” tivo un elenco de actores nos que figuraron Natalia Verbeke e Carlos Blanco; Lluis Homar, que o 9 e 10 de xuño pechará o ciclo coa obra “La discreta enamorada” de Lope de Vega, Andrés Lima, Quico Cadaval, Tito Asorey e Pablo Messiez, entre outros.
Das catorce obras, dez son de funcións dobres e catro son simples, cunha gran variedade que permite contar con propostas clásicas e contemporáneas, a existencia de comedia e drama, así como claros posicionamentos contra o acoso ás mulleres.
A programación do Ciclo Principal do Teatro Rosalía de Castro conta coa colaboración da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Axencia Galega das Industrias Culturais, que promove xunto co Concello as obras “Doble o nada”, “O porco de pé”, “Alma de tigre” e “Unha inimiga do pobo”.