Friday 22 de November de 2024

A urbanización Costa Miño terá por primeira vez mesa electoral nuns comicios municipais


• O incremento poboacional permitirá facilitar a participación cidadá, con Cásaa Club do Campo de Golf como local para depositar o voto nas eleccións do próximo 28 de maio.

• O pavillón municipal acollerá as mesas do centro urbano e o resto de sedes de votación serán os locais sociais de Bemantes, Leiro, Castro, Vilanova e Xarío.

A urbanización Costa Miño terá por primeira vez mesa electoral nuns comicios municipais. En concreto, casa Club do Campo de Golf exercerá como local para depositar o voto nas eleccións do próximo 28 de maio, tal e como se publicou onte no BOP.

A creación desta mesa electoral concretouse no ano 2019, xusto antes das eleccións estatais. O 10 de novembro daquel ano foi a primeira vez que Costa Miño exerceu como mesa electoral nunhas eleccións.

E o próximo 28 de maio, será a primeira ocasión na que se poderá depositar o voto de ámbito local.
Deste xeito, os residentes na urbanización non terán que desprazarse ao Centro Social de Xarío, como facían antes do ano 2019, e poderán exercer o seu dereito para votar nun lugar que creceu moito a nivel poboacional. De feito, nos últimos anos pasou de ser lugar de veraneo a espazo de primeira residencia para moitas familias. Ese factor, unido ao desexo do goberno local por fomentar as facilidades de participación democrática á cidadanía, permitiron que se consolide como mesa electoral.

Ademais, as mesas do centro urbano están situadas no Pavillón Municipal de Deportes. Mentres, os locais sociais de Bemantes, Leiro, Castro, Vilanova e Xarío serán os outros puntos de votación no municipio.

Doutra banda, xa está aberto o prazo de exposición pública do censo electoral, que finalizará o día 17 abril. Para consultalo é necesario acudir á Casa do concello coa documentación acreditativa. É dicir, DNI, pasaporte ou carné de conducir no caso de electores españois e pasaporte, documento de identidade do seu país ou tarxeta de residencia no caso de electores con cidadanía da Unión Europea ou orixinarios de países con acordo de reciprocidade de voto.