As cifras anuais de sancións son moi dispares, dende as 1.017 do ano 2018 ata as 274 do 2022
Aparcar na zona azul é de balde, pero a súa utilización implica unha serie de condicións, entre elas superar os 90 minutos de estacionamento na mesma praza, xa que o obxectivo é garantir a rotación de vehículos nas zonas comerciais e de servizos. Para evitar os reiterados incumprimentos por parte dalgúns/has condutores/as, a Policía Local vén de poñer en marcha unha campaña de control da zona azul, do mesmo xeito que ao longo do ano reforza a vixilancia sobre as zonas de carga e descarga ou do uso do cinto de seguridade nos vehículos.
Nos tres primeiros meses do ano tramitáronse 390 sancións por incumprimentos das normas que rexen a zona azul. A Policía Local dispón dunha nova aplicación informática habilitada pola Deputación da Coruña, e as multas son tramitadas directamente. As cifras anuais de sancións na zona azul son moi dispares, desde as 1.017 do ano 2018 ata as 274 do ano pasado.
Os principais incumprimentos na zona azul (non colocar o disco de control á vista, superar o tempo máximo autorizado, anotar a hora de chegada de xeito non lexible ou nun horario distinto ao real, e cambiar o horario unha vez superados os 90 minutos sen mover o vehículo a máis de 250 metros da praza anterior) están consideradas faltas leves na ordenanza reguladora do tráfico, a mobilidade e a seguridade viaria do Concello de Carballo. A sanción establecida é de 80 euros, que pode verse reducida á metade se é abonada nun prazo de 20 días. O horario da zona azul abrangue de 09.00 a 13.30 de luns a sábado, e tamén polas tardes de 15.30 a 20.00, de luns a venres. Lembra que se precisas un disco de control podes pedilo na Policía Local ou no Museo de Bergantiños.
Pero ademais deste sistema, que leva demostrado a súa efectividade ao longo de vinte anos, a Concellaría de Mobilidade vén de poñer en marcha os aparcamentos exprés en zonas comerciais, que basicamente consisten na posibilidade de utilizar as zonas amarelas para paradas de 10 minutos como máximo. Ao igual que na zona azul é obrigatorio indicar a hora de chegada. Dada a boa acollida que tiveron os primeiros, situados xunto ao mercado municipal, as farmacias e outros puntos da zona urbana, nos vindeiros días está previsto seguir habilitando novas zonas.