Saturday 16 de November de 2024

Familias do IES da Pobra poderán adquirir ferramentas para a xestión emocional na adolescencia


A colaboración entre a Concellaría dos Servizos Sociais e o IES da Pobra do Caramiñal tradúcese nunha nova acción formativa dirixida a familias do estudantado da secundaria: un curso sobre estrés e ansiedade na adolescencia. Terá lugar no 15 de abril, de 10.00 a 14.00 horas, no salón de usos múltiples da instalación educativa.

Materialízase así o terceiro taller que se organiza en común nos últimos anos. A educadora familiar do Concello, Lidia Martínez, explica a importancia deste tipo de formación específica para a xestión das emocións, especialmente “dado o aumento dos protocolos de risco suicida en adolescentes.” A este respecto, o director do referido centro de estudos, Alejandro Bobillo, indica que este tipo de iniciativas outorgan ferramentas que tamén redundan positivamente na comunidade educativa.

A dita acción será impartida por Carlos Santiago, experto en intelixencia emocional, e os contidos para tratar son a mellora dos estados emocionais e das relacións interpersoais, o establecemento de relacións empáticas, a resolución de conflitos, a comunicación, a autoestima e a redución da ansiedade e axuda para supera-los estados depresivos.

Dirixido a nais e pais de alumnado de tódolos cursos, a inscrición efectuarase a través da aplicación abalarMóbil.