Luisa e Cuco Pérez presentan mañá xoves na Fábrica o concerto Allez allez no centro cultural A Fábrica, ás 20:00 horas. A entrada é gratuíta con invitación, a recoller no propio auditorio unha hora antes do espectáculo e ata completar a capacidade da sala.
En 1939 máis de medio millón de españois pasaron a fronteira cara a Francia fuxindo da guerra e das represalias. Chegaron cansos, arrastrando as súas poucas pertenzas e non atoparon o recibimento que esperaban: Francia confinounos en campos de refuxiados ou de concentración, nos que sentiron abandonados por todos, tratados como gando e esquecidos do mundo. O título do espectáculo: Allez, allez…!!! baséase nas palabras que os xendarmes franceses repetían aos refuxiados españois ao cruzar a fronteira tras a retirada en 1939. Estas palabras quedaron gravadas na súa memoria e aparecen en moitas cancións que compuxeron nos campos de concentración nos que foron confinados. Luisa e Cuco Pérez rememoran, nun concerto audiovisual, o camiño que realizou a súa familia polos campos de concentración franceses e fano a través das cancións que lles ensinou a súa nai, que naquel momento non era máis que unha nena refuxiada. Ademais, inclúen as cancións que recolleron aos sobreviventes daqueles campos de Francia e que publicaron recentemente no libro-disco titulado Allez, allez… !!! Un espectáculo en que Luisa e Cuco comparten a súa música, a súa historia e os seus recordos co público, ao que transportarán a unha viaxe emocionante e necesaria.