O Café Teatro do Pazo da Cultura acollerá a presentación do novo disco de Nadine Khouri, “Another life”, o venres 5 de maio ás 20.30 horas. Así o indicou a concelleira de Cultura, Olga Ameneiro, que recordou que as persoas interesadas poden adquirir as entradas para este concerto na billeteira do Pazo ou a través da web do Padroado: www.padroadodecultura.es/gl/espectaculos/evento/presentación-do-disco-another-life
Nadine Khouri, libanesa, aínda que afincada en Londres, defínese como filla do desarraigamento, e conta que as súas cancións nacen motivadas polo doloroso sentimento de saberse forasteira a perpetuidade. Inevitablemente, a súa música soa a profunda melancolía, honestidade, e carácter confesional, pero tamén a beleza serena e elegante madurez. O seu espectral, cálida e delicada voz remite ás de Hope Sandoval, Stina Nordenstam ou Julee Cruise, e exerce de piar dunha proposta que parte de premisas eminentemente acústicas para erixir atmosferas de ensoño, perturbadoras e emocionantes.
Non sorprende que o prestixioso John Parish, co seu exquisito gusto para as voces femininas, recorrese aos seus servizos, nin que producise dous exquisitos discos de estudo que remiten ao Nick Cave máis sosegado e os Tindersticks máis cinemáticos.