A Xunta de Goberno Local en sesión extraordinaria deu luz verde á adxudicación do contrato de “servizos enerxéticos e de mantemento, funcionamento e subministración do alumeado público exterior do concello de Santiago” á UTE Ferrovial Construcción S.A. e ENDESA X Servicios S.L., por un importe total de 41.765.702,55 euros, IVE engadido. Este novo contrato permitirá a renovación e mantemento do alumeado das rúas, prazas, e outros espazos públicos do municipio por un período de dez anos, incorporando o uso da tecnoloxía LED e dun sistema de enerxía 100% renovable.
O contrato prevé, nun prazo de oito meses, a renovación de máis de 30.000 elementos luminarios que pasarán a ser leds, así como a mellora da iluminación nas zonas rurais coa incorporación dun sistema 5G que permita coñecer en tempo real o estado de cada unha das farolas e actuar de xeito inmediato no caso de incidencias. Estas melloras permitirán un aforro económico anual estimado dun millón de euros, xa que se espera que o consumo enerxético diminúa en máis dun 70%.
O proxecto adxudicado á UTE Ferrovial Construcción S.A. e ENDESA X Servicios S.L., será executado no seu 95% con provedores locais e suporá a contratación dunha vintena de operarios preferentemente do termo municipal de Santiago, que tamén se ocuparán dos labores de mantemento.
Durante este período tamén se porá en marcha unha campaña de divulgación co obxectivo de fomentar o compromiso Slowlight, que pretende obter mellores contornas a través da luz, tanto no ámbito urbano como no rural, creando espazos nocturnos en harmonía, cunha iluminación intelixente e sustentable onde tanto a luz como a escuridade sexan protagonistas no deseño da paisaxe nocturna. Con este propósito, está previsto o desenvolvemento de diferentes accións dentro do programa Boas Noites Santiago de Compostela, como iniciativas específicas para institucións e entidades públicas e privados, conferencias e paseos nocturnos para a cidadanía, así como xornadas dirixidas ao ámbito educativo ou a foros técnicos.
Tamén se levará a cabo unha Semana da contaminación lumínica e sesións de observación do ceo nocturno, en colaboración con agrupacións astronómicas locais e observatorio Ramón María Aller, e realizaranse imaxes de satélite antes e despois das obras para comprobar a diminución da contaminación lumínica.
No marco do novo contrato, o provedor local ITELIS desenvolverá unha plataforma de xestión enerxética e servizo de mantemento, que estará integrada coa plataforma de avisos de liña verde que actualmente se ocupa das incidencias do Concello. Ademais, empregaranse vehículos con etiqueta eco ou cero emisións dotados de GPS para mellorar a xestión e a rapidez de actuación ante calquera incidencia.