Saturday 16 de November de 2024

Trenor informa aos hostaleiros das axudas para actuacións de eficiencia enerxética aloxamentos turísticos que están abertas ata o 2 de maio


— Estes apoios están dotados con 7,8M€ e van destinados a hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues e apartamentos turísticos

— Teñen como obxectivo seguir fomentando un turismo sostible a favor do medio ambiente

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou nunha reunión de traballo con hostaleiros da zona de Bergantiños-Costa da Morte para informar das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas. Estes apoios acadan os 7,8 millóns de euros e teñen como obxectivo seguir fomentando un turismo sostible e a favor do medio ambiente.

O 2 de decembro de 2022 publicouse no DOG as axudas cun prazo de presentación de ata o día 30 de marzo de 2023. Tendo en conta a dificultade técnica da presentación dos proxectos subvencionables, Trenor explicou que para facilitar a participación neste procedemento, decidiuse ampliar o prazo de presentación de solicitudes establecido na convocatoria ata o 2 de maio de 2023.
Nesta liña, Trenor expuxo a importancia da eficiencia enerxética no ámbito turístico, xa que contribúe á sostibilidade económica e medioambiental, algo que está altamente demandado.
As axudas están destinadas as pequenas e medianas empresas que sexan propietarias de edificios destinados a aloxamento turístico, no que están incluídos hoteis, pensións, establecementos de turismo rural, albergues turísticos e apartamentos turísticos. As actuacións deberán contar cunha redución do consumo de enerxía primaria non renovable do 30 % respecto á situación de partida e coa mellora da cualificación enerxética total do edificio en, polo menos, unha letra medida na escala de emisións de dióxido de carbono. Os beneficiarios terán un ano para executar as obras dende a resolución positiva da concesión das axudas.

Así, os aloxamentos turísticos galegos poderán levar a cabo actuacións como a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica; a mellora da eficiencia enerxética e uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; incluída a instalación de redes de calor e frío alimentadas por fontes de enerxía renovable e/ou calor residual para complexos turísticos de varios edificios; así como a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación.