Saturday 16 de November de 2024

Concello e Xunta investirán 80.000 euros na mellora do pavimento de dúas vías da parroquia de Torás


A intervención na estrada entre A Cheda e Guilfoi está incluída no Plan de Infraestruturas Rurais da Consellería do Medio Rural.

O Concello iniciará nos próximos días os procedementos de contratación de dous proxectos de mellora da rede viaria localizados en estradas situadas no núcleo urbano da Laracha e o seu entorno.

Un deles afecta exclusivamente á rúa A Cheda, da capital municipal, na que se realizará a renovación do pavimento en todo o seu trazado para facilitar o tránsito dos vehículos e mellorar a seguridade viaria. O orzamento alcanza os 30.000 euros a financiar integramente con fondos municipais.

Esta actuación terá continuidade, posteriormente, cun segundo proxecto neste caso localizado na vía que comunica precisamente a rúa A Cheda co núcleo de Guilfoi. Contempla, tamén, a nova pavimentación con aglomerado asfáltico para unha máis cómoda circulación rodada. A intervención está valorada noutros 50.000 euros e foi incluída polo Concello no Plan de Infraestruturas Rurais impulsado pola Consellería do Medio Rural.

Por tanto, en total serán investidos 80.000 euros a financiar coas achegas municipal e a da Xunta de Galicia.

A conservación e mantemento en bo estado dos máis de seiscentos quilómetros de estradas que conforman a rede viaria municipal é un asunto prioritario na xestión municipal durante os últimos anos, xa que é cuestión esencial para que existan boas comunicacións entre os máis de trescentos núcleos de poboación que existen no termo municipal.