Saturday 20 de April de 2024

A Pobra acolle a mostra fotográfica de Cegasal que visibiliza o emprego das persoas con discapacidade


A mostra fotográfica Cegasal, unha asociación de persoas para as persoas continúa coa súa xira por distintos municipios galegos e loce xa na casa da cultura Raquel Fernández Soler. Arredor de corenta imaxes e unha proxección integran esta reportaxe documental que busca pór en valor o día a día no mundo laboral das persoas con discapacidade.

Durante a apertura da exposición, a concelleira da Cultura da Pobra do Caramiñal, Patricia Lojo, gabou a traxectoria da asociación empresarial galega de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, que fixo os seus 25 anos no pasado ano, tempo no cal se esforzaron por faceren unha sociedade máis inclusiva a través do emprego. Así mesmo, a edil indicou que este tipo de iniciativas constatan que “a cultura tamén é un mecanismo para concienciar e achegar situacións que moitas veces nos poden resultar alleas.”

Nesta mesma liña pronunciouse tamén a deputada provincial de Benestar Social, Ana Lamas, ao sinalar que se une cultura e a difusión de iniciativas de índole social. “Non podemos falar de plena integración se unha persoa non pode desenvolver completamente o seu proxecto vital e este, evidentemente, pasa tamén por se incorporar ao mercado laboral”, manifestou.

Actualmente, a entidade conta con 32 centros especiais de emprego que facturan máis de 44 millóns de euros e que lles dan emprego a 2162 persoas con algunha discapacidade.

En representación de Cegasal, o vicepresidente primeiro, Herminio Martínez, apuntou que teñen marcado como obxectivo para os vindeiros anos a creación de 400 novos postos de traballo, ademais de promove-la creación de máis centros de emprego sen ánimo de lucro. Deseguido, a vicepresidenta segunda, Silvia Alende, ofreceu un percorrido comentado.

O proxecto creativo desenvolveuse ao longo de dous anos e medio nunha decena de centros e materialízase nunha exhibición de imaxes polo territorio galego coa colaboración da Deputación da Coruña.

A visitas pódense efectuar ata o día 28 de abril, de luns a venres, en horario de 10.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.