Dende o BNG de Oleiros manifestan que fiscalizarán polo miúdo todo o proceso, dada a desconfianza existente cara a unha Xunta totalmente ausente, demandando ademais a participación activa da veciñanza e colectivos implicados na redacción do Plano
Hai uns días comprobamos in situ a anarquía que impera na Costa (des)protexida de Dexo con circulación de vehículos a motor, instalacións particulares e fixas de carácter recreativo, a grave deterioración do Castro das Rozas, a ampliación de camiños existentes e a alarmante perda de biodiversidade
Oleiros, 11 de abril de 2023.- O Consello de la Xunta autorizou recentemente á Consellaría de Medio Ambiente a iniciar o proceso para que, dunha vez por todas e cun atraso incomprensíbel de 23 anos após a súa declaración como Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes (papel mollado), a Costa (des)protexida de Dexo teña por fin un Plano integral de xestión.
Dende o BNG amosamos a nosa total desconfianza cara á Xunta, que tan só tras as flagrantes infraccións documentadas polo BNG decidiu mover ficha. Supervisaremos con lupa todo o proceso, tempos, informes, órganos competentes de aprobación… cómpre lembrar a incompetencia absoluta da Xunta da Galiza no Concello de Oleiros coa recente chafallada da Vía Ártabra, declarada nula de pleno dereito pola xustiza tras non reunir os requisitos mínimos, sendo aprobada por un órgano non competente, circunstancia que carrexará perdas incalculábeis para toda a Comarca. Esta flagrante incompetencia habitual da Xunta obriga a estar «enriba» de todo o proceso.
Para o Bloque, o acontecido en Dexo o mes pasado evidencia, unha vez máis, a urxente necesidade de dotar o Monumento Natural da Costa de Dexo – Serantes dunha protección ambiental real que vaia máis alá «de letreiros, uns eslogans ou un nome nun papel».
O BNG vén esixindo durante máis de 10 anos dotar este espazo dun plano de xestión, cuxo deseño e dinamización sexa participado pola Xunta de Galiza, administración con competencias no eido da protección ambiental, o Concello, a veciñanza que vive ou ten propiedades dentro do Monumento e as entidades ecoloxistas e conservacionistas, ben coñecedoras da realidade, ameazas e necesidades do espazo.
Este plano, que para que teña éxito debe ir acompañado dos correspondentes medios técnicos e de suficiente dotación orzamentaria, debería definir con precisión, cando menos, os usos posíbeis dentro do Monumento, así como aquelas actividades humanas que sexan incompatíbeis coa conservación dos valores ambientais e patrimoniais do espazo natural.
Hai tan só uns días, nunha andaina informativa organizada polo BNG de Oleiros, e en menos de dúas horas dun día calquera, detectamos moitas das eivas que asolan o Monumento: comezamos polo Castro das Rozas, onde puidemos apreciar o terríbel impacto que está a causar o paso de bicicletas por varias partes dos muros e do foso. O guía amosounos o gravísimo impacto que causan as salvaxes rozas que provocan tractores autorizados nas beiras dalgúns camiños, afectando gravemente a flora de diferentes hábitats de interese comunitario e especies de animais «para cuxa conservación foi necesario designar zonas de especial conservación…» do anexo I e II da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992.
O guía amosou, ademais, o insoportábel dano que causan as bicicletas pola erosión e pola falta dun plano integral de xestión que impida o seu paso. Fomos testemuños do paso dunha moto de trial, achegamos probas gráficas do mesmo, a escasos metros dos cantís, zona de aniñamento da colonia de corvos mariños. O guía fixo mención da triste perda de biodiversidade de anfibios (un deles, o sapiño pinto (Discoglosus galganoi) incluído no anexo II de Directiva antes mencionada polo descontrol e falta de normativa referente ao paso de cans no espazo (des)protexido.
Contemplamos finalmente instalacións fixas que levan uns dous anos no Monumento Natural e feitas para o lecer e o recreo privado. Subliñar que «as edificacións permanentes de calquera tipo» están expresamente prohibidas no Monumento natural, ademais de que están localizadas en terreo rústico, e non son acordes coa Lei do Solo da Galiza.
Xa para rematar, o recente 26 de marzo tivo lugar na Costa (des)protexida de Dexo un trail absolutamente invasivo e constantemente denunciado polo BNG, que foi autorizado pola Xunta in extremis e anulando calquera posibilidade de alegación contra o mesmo, furtando á cidadanía da máis mínima información. Dende o BNG de Oleiros presentamos, infrutuosamente, alegacións e solicitamos acceso ao expediente por diferentes vías, mesmo a través de preguntas realizadas perante o Parlamento Galego.
A presión constante do BNG foi fundamental e obriga a Xunta a atender minimamente as súas competencias. Esa presión seguirá e dará os seus froitos, mais temos que lamentar o lamentábel atraso producido, modus operandi habitual da Xunta de Galiza do PP que nin está nin se espera.