Saturday 16 de November de 2024

A Xunta de Goberno aproba financiar investimentos por 11 millóns de euros, entre eles os accesos ao novo Chuac


O Goberno municipal levará a pleno esta semana o novo texto do convenio que incorpora os acordos acadados entre o Concello e a Xunta para o novo hospital

Ademais, tamén se debatirá en pleno o anexo de subvencións nominativas correspondente ao ano 2023, dotado con 7,2 millóns de euros

O Goberno municipal aprobou hoxe, en Xunta de Goberno Local, o proxecto para acometer unha modificación de crédito por valor de 10.843.739,48 euros nos orzamentos deste ano, unha operación necesaria para acometer investimentos como a primeira anualidade das achegas que destinará o Concello ás obras nos accesos do novo Chuac. Neste 2023, será dun millón de euros.

O modificativo abrangue doce créditos extraordinarios, por valor de 4,7 millóns de euros, e tamén doce suplementos de crédito, de 6,1 millóns de euros. Por medio destas partidas, o Concello prevé incrementar as dotacións do servizo municipal de Bombeiros e sufragar as anualidades correspondentes ás obras de urbanización en Xuxán, así como as intervencións de rehabilitación urbanística vencelladas a fondos Eidus (humanización do sector leste do Paseo Marítimo) e Next Generation (a execución do tramo da Rolda Peonil entre Alcalde Marchesi e Río Monelos, os ERRP de Cidade Vella – Pescaría, Casas de Franco, Barrio das Flores e as Vivendas de María Pita). Inclúense tamén as partidas municipais comprometidas este ano no Plan de Obras e Servizos (POS) 2022 da Deputación, correspondente á execución da nova rotonda das Rañas.

Ademais, o expediente presentado hoxe na Xunta de Goberno Local inclúe créditos extraordinarios destinados a dar cumprimento a solicitudes tramitadas a través dos Orzamentos Participativos, correspondentes a novas infraestruturas e melloras da mobilidade na Agra do Orzán, Sagrada Familia, Palavea, Elviña, Castro de Elviña, San Cristovo e A Zapateira. Na maioría dos casos, as demandas da cidadanía ás que se prevé que dea resposta este modificativo céntranse na ampliación de espazos peonís, o incremento de zonas de arboredo e a creación ou remodelación dos parques e zonas de xogos infantís. Tras recibir luz verde na Xunta de Goberno Local, este modificativo de crédito irá ao pleno ordinario deste xoves 13 de abril.

Aprobación dos acordos acadados para executar as obras do novo Chuac

Por outra banda, o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, deu conta esta mañá en comisión informativa do novo texto que incorpora os acordos que acadaron o Concello e a Xunta, a mediados do pasado mes de marzo, con vistas á posta en marcha das obras de execución do novo Chuac. A proposta de convenio debatirase tamén no pleno deste xoves.

Neste sentido, e unha vez que as dúas Administracións concretaron que a Xunta asumirá o custo das expropiacións dos terreos necesarios para ampliar as instalacións hospitalarias, e o Concello será o encargado de financiar as obras nos accesos e conexións viarias do novo Chuac —sendo, ademais, o titular dos mesmos—, a nova redacción do convenio marco determina que o Concello levará a cabo un investimento de 22.220.000 euros entre os anos 2023 e 2025, cunha primeira anualidade dun millón de euros, correspondente a este exercicio e que o consistorio aboará no primeiro trimestre de 2024.

A Ordenanza Municipal para a Protección e Tenza de Animais

O Goberno municipal tamén levará a pleno esta semana a aprobación inicial da modificación puntual da Ordenanza Municipal para a Protección e Tenza de Animais.

A ordenanza municipal actual remóntase ao ano 1997, polo que se actualizará incorporando cambios legais como a supresión do sacrificio animal e introducindo requisitos hixiénicos como a obriga da limpeza con auga das miccións dos cans. Ademais, a ordenanza recolle un incremento das sancións por non recoller as dexeccións das mascotas. As infraccións leves que antes oscilaban entre os 30 e os 300 euros, pasan agora dun mínimo de 100 ata 500 euros.

Ademais, a modificación da ordenanza abrangue a novidade da inclusión da cala de Bens como praia canina durante todo o ano, para que as persoas usuarias poidan ir ao areal acompañadas polos seus cans.

7,2 millóns de euros para os convenios nominativos con entidades da cidade

Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno aprobou hoxe o anexo de subvencións nominativas correspondentes a este ano 2023, que abranguen unha partida de 7.267.023 euros e permitirán apoiar as actividades das entidades, colectivos e asociacións da cidade que traballan no eido do benestar social, o deporte e a cultura, entre outros sectores.

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, apuntou á importancia da disposición destes recursos, “que facilitan que entidades tan dispares como Cáritas e Cruz Vermella, que fan un labor social moi importante, reforcen as súas actividades en materia de benestar social”.

O expediente someterase este xoves á aprobación do Pleno municipal.
“O Goberno municipal agarda que poida haber un apoio responsable do resto de grupos políticos. A proposta é semellante á do ano anterior, e supón un balón de osíxeno para todas as entidades sociais, deportivas e culturais da Coruña”, sinalou Lage.