Friday 22 de November de 2024

Concello e Deputación cofinanciarán o proxecto de humanización da rúa José Manuel Ferreira Penedo


A intervención está valorada en 100.000 euros e dará continuidade a obras de simulares características realizadas noutras rúas da contorna.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, rubricaron hoxe o convenio de cooperación mediante o que ambas administracións cofinanciarán a execución do proxecto de humanización e mellora da accesibilidade na rúa José Manuel Ferreira Penedo, situada no núcleo urbano da capital municipal.

A actuación deseñada polo Concello dará continuidade a outros proxectos de similares características realizados nos últimos anos en varias vías da contorna da rúa José Manuel Ferreira Penedo. Prevese renovar o pavimento da calzada, aumentar a seguridade viaria co marcado de novos pasos para peóns e establecer o sentido único de circulación, o que permitirá gañar espazo para ampliar a beirarrúa, habilitar máis aparcamentos -contemplándose a reserva de prazas para vehículos de persoas con mobilidade reducida- e crear áreas de descanso con mobiliario urbano.

Así, para beneficio xeral tanto da cidadanía como dos locais comerciais situados na zona, priorizarase aos peóns sobre o tránsito rodado nesta rúa eminentemente residencial e emprazada nun dos ámbitos con maior densidade de poboación do termo municipal da Laracha.

En virtude do acordo asinado hoxe, a Deputación financiará o 80 % do custe da execución das obras, valoradas en 100.000 euros, mediante unha subvención nomitativa. O Concello asumirá con fondos propios municipais o 20 % restante, ademais dos gastos derivados da redacción do proxecto.
Nos próximos días o Concello iniciará o proceso de contratación das obras de execución deste proxecto.