Saturday 16 de November de 2024

Alternativa dos Veciños reclamará a Fomento que instale a pasarela peonil de Bos comprometida hai anos


Alternativa recuperará esta vella demanda do alumnado da escola de capacitación agraria de Bos e do empresariado do polígono de Bergondo.

Fai uns anos a comunidade educativa do centro de capacitación agraria de Bos, co apoio de tecido empresarial do polígono e do goberno municipal, protagonizaron diversas manifestación e cortes de tráfico para reclamar a instalación dunha pasarela peonil elevada por riba dun tramo moi perigoso da N6, onde cruzar a pé supón un risco enorme. No lugar existen paradas de autobús en ambas marxes da estrada. Tanto o alumnado da escola como traballadores do polígono se ven na necesidade de cruzar a diario tres carrís de estrada, onde ademais as velocidades dos vehículos que transitan pola zona son moi elevadas.
As últimas noticias que tivemos con relación a este asunto son as que nos transmitiu a alcaldesa (hai xa anos). Supostamente Fomento barallaba a posibilidade de instalar unha pasarela “de segunda man” (e sen uso na súa localización actual). Dita pasarela sería arranxada e levada a Bos para cumprir coa función que se precisa. Mais, neste caso (coma noutros moitos) a actual alcaldesa non volveu comunicar nada novo ao respecto e, moito nos tememos, xa abandonou ou descoidou esa demanda.
Resulta obvio que a necesidade persiste, e os perigos permanecen. É por iso que Alternativa dos Veciños e Juan Fariña retomaran esta cuestión e loitarán porque Fomento cumpra co que supostamente decidiu no seu momento. En palabras de Juan Fariña “As cousas requiren esforzo e persistencia. Nada se consigue sen facer un seguimento continuo delas. Moito menos aínda arrombándoas no caixón, como fai con excesiva frecuencia a nosa actual alcaldesa”.

ROTONDAS DE CORTIÑÁN: Por outra banda Juan Fariña anuncia que o Concello de Bergondo presentará alegacións perante o Ministerio de Fomento respecto ao proxecto construtivo das glorietas de Cortiñán. Con relación á glorieta da Fraga o concello solicitará que se varíen certos aspectos das expropiacións e da obra previstas, para minimizar no posible as afeccións á veciñanza da zona. Consideramos que as modificacións propostas non afectan en nada á funcionalidade futura da infraestrutura e, por contra, si supoñen un alivio e un menor inconveniente para os veciños e as veciñas do lugar.