A directora de Turismo de Galicia falou esta mañá en rolda de prensa sobre a celebración do que será o evento gastronómico do ano
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, falou esta mañá en rolda de prensa sobre a celebración da presentación da Guía Michelin España e Portugal 2016, que terá lugar no emblemático Parador dos Reis Católicos en Santiago de Compostela o próximo 25 de novembro.
O evento, que terá por primeira vez acento galego, desvelará o prestixioso listado de establecementos que ostentarán o galardón Estrella Michelin en 2016, convertendo así a Galicia no epicentro da restauración de alto nivel.
A nosa comunidade, terra hospitalaria por excelencia, acollerá a máis de 400 convidados chegados de todas as partes do mundo que poderán coñecer de primeira man unha das principais fortalezas de Galicia, a gastronomía.
Durante a rolda de prensa celebrada no Centro Superior de Hostalería, a directora de Turismo de Galicia destacou que esta prestixiosa gala converteuse en moito máis que a presentación dunha guía, “é o evento gastronómico do ano”, afirmou Nava Castro.
A responsable de Turismo da Xunta sinalou que esta prestixiosa gala constituirá o mellor escenario para a promoción da marca Galicia e dos produtos e cociñeiros galegos.
Programación especial
Nava Castro explicou que Turismo de Galicia está preparando unha programación especial con motivo da celebración da gala para a exaltación de Galicia como capital gastronómica.
Deste xeito, segundo explicou, nas próximas semanas celebraranse, entre outras accións, talleres de cociña na aula Gastronómica do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela a cargo dalgúns dos cociñeiros galegos con Estrela Michelin, entre os que se atoparán Pepe Solla ou Beatriz Sotelo, entre outros. A datas previstas dos mesmos son o venres 13 de novembro en horario de tarde e o sábado 14 en horario de mañá.
Segundo sinalou Nava Castro, estes talleres constituirán unha exaltación da gastronomía e a cociña galega a través da elaboración de receitas con produtos galegos de calidade diferenciada.
Así mesmo, o luns 23 de novembro Turismo de Galicia celebrará no Centro Superior de Hostalería de Galicia o concurso de cociña ‘Tapas con Estrella’. Un concurso dirixido aos centros de formación de Galicia que contan na súa oferta académica cun ciclo formativo de cociña que premiará a mellor receita de cociña e repostería elaborada con produtos con Denominación de Orixe e Indicación Xeográfica Protexida. O premio para o gañador serán unhas prácticas de verán nun restaurante galego con Estrella Michelin.
Gran momento para a gastronomía de Galicia
Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia sinalou que a elección da nosa comunidade, como escenario para esta celebración, demostra o gran momento que está a vivir Galicia e a súa gastronomía.
Nesta liña, destacou que a nosa comunidade conta con máis de cinco mil trescentos restaurantes inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas que poñen a disposición dos nosos visitantes máis de 365 mil prazas nas que degustar os nosos exquisitos pratos. Así mesmo, recordou que 12 destes restaurantes galegos contan co galardón Estrella Michelin e 26 deles atesouran un total de 37 Soles Repsol.
“Sen dúbida, este evento constituirá un importante reclamo para a nosa comunidade e posicionará Galicia como capital da gastronomía europea”, concluíu Nava Castro.