Estase a acometer tamén unha revisión e substitución dos colectores pertencentes á rede de saneamento, que serán renovados
O Concello ultima estes días os traballos para mellorar o tránsito peonil na rúa Petín, situada no barrio da Gaiteira.
Neste enclave estase levando a cabo unha intervención orientada a mellorar a accesibilidade das beirarrúas, renovando o pavimento e ampliando a anchura das mesmas, unha medida factible tendo en conta a configuración actual da rúa Petín, pola amplitude do carril central, de sentido único e en dirección á rúa Ponte.
En paralelo, o persoal municipal de Infraestruturas está a aproveitar as obras, enfocadas particularmente no cruzamento coa rúa Rianxo, para acometer unha revisión e mellora dos pozos e colectores pertencentes á rede de saneamento, substituíndo os antigos tubos de pluviais e fecais por outros novos, de maior grosor.
As melloras en Petín, tras as concretadas na rúa Rianxo
A remodelación dos espazos peonís na rúa Petín dá continuidade ás melloras xa acometidas na contorna en anos previos. No 2020 remataron os traballos para mellorar a accesibilidade na rúa Rianxo. Substituíronse tanto as beirarrúas como o pavimento da calzada.
A obra na rúa Rianxo tamén serviu para reforzar a accesibilidade ao paso de peóns no cruzamento coa rúa Petín, que foi trasladado de posición. Ademais, adiantáronse as beirarrúas sobre a calzada, ampliando espazo dispoñible para as persoas viandantes.