● O Albergue de Gandarío acolle o sábado 15 de abril o ‘Día do Deporte na Rúa’.
● Escalada, tiro con arco, fútbol praia, remo, tenis, vóley ou parkour, algunhas das modalidades que os interesados poderán probar.
O Concello de Bergondo organiza o vindeiro sábado 15 de abril o ‘Día do Deporte na Rúa’, unha xornada na que os veciños poderán vivir probar en primeira persoa preto dunha vintena de disciplinas e ver en directo exhibicións de oito modalidades deportivas.
O Albergue de Gandarío de Bergondo é o lugar no que se desenvolverá esta nova iniciativa. Ás 12:00 horas terá lugar a apertura de portas, con dúas horas de exhibicións de ‘kaia kenyu’, fútbol, ximnasia rítmica e tenis. Pola tarde, tras o descanso para comer, de 16:00 a 18:00 será a quenda para as demostracións de ciclismo, remo, atletismo e salvamento acuático.
Máis aló de poder seguir estas exhibicións, todos os interesados poderán probar a realizar máis de 15 disciplinas deportivas. Ao longo de todo o día, haberá desde escalada a tiro con arco, pasando por triciclos, parkour e skate, vóley, tenis, bádminton, minigolf, xogos populares, kaiaks, remo, remo ergómetro ou fútbol praia, ademais doutros máis curiosos e descoñecidos como o florball, o kin-ball ou o goalball.
O proceso para participar péchase o xoves 13 de abril ás 14:00 horas. Para asegurar a praza con antelación é necesario cubrir o formulario que aparece na seguinte dirección: I DÍA DO DEPORTE.
Con todo, existe a posibilidade de inscribirse o mesmo día da actividade no espazo situado a tal fin, cubrindo a solicitude de participación. Como dato a ter en conta, todos os menores de 14 anos deberán estar acompañados por unha persoa adulta responsable do menor ou a menor.