É a segunda propiedade privada en estado de abandono que se porá á venda, tras o inicio do proceso do edificio situado na rúa Damas, 3
Os trámites administrativos previos e necesarios para sacar a poxa forzosa un soar baleiro localizado no número 6 da rúa Herrador, no barrio da Pescaría, xa están completos.
Trátase da segunda propiedade privada que sae á venda na cidade ao abeiro do Plan Municipal para a Recuperación de Ruínas, unha iniciativa posta en marcha a inicios de ano, co obxectivo de promover a recuperación de edificios, soares e inmobles abandonados cuxos propietarios incumpran as súas obrigas nos prazos e condicións marcados pola lei.
A primeira propiedade en saír a poxa forzosa foi o edificio situado na rúa Damas, 3, declarado en ruína física desde o ano 2018 e con orde —incumprida— de rehabilitación integral. O procedemento para a súa venda abriuse o pasado 2 de marzo, tras publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio municipal. O proceso para a poxa forzosa segue en marcha completándose nestes días os procedimentos de notificacións e períodos de alegacións que marca a lei.
Iníciase agora o proceso para a venda forzosa dunha segunda propiedade, o soar baleiro en rúa Herrador, 6, resultante da demolición previa dun edificio declarado en ruínas en abril do ano 2005. Entón, e baixo execución subsidiaria —ao non cumprir a propiedade cos requerimentos municipais— o Concello acometeu a demolición do edificio ese mesmo ano.
Porén, ante a continua inactividade da propiedade con respecto ao mantemento do soar baleiro, e coa finalidade de eliminar un foco de insalubridade no barrio, determinouse a saída á venda forzosa deste soar de 57 metros cadrados de superficie, localizado no ámbito do Plan Especial de Protección da Cidade Vella e Pescaría (PEPRI), e valorado en 33.771 euros.