— Destaca a Estratexia de Xestión do Cancro que ten en marcha o Goberno galego coa que se busca reducir a incidencia desta enfermidade e mellorar a calidade asistencial
— Galicia contará cun centro de terapias avanzadas e outro no que aplicar a protonterapia, pensada para tumores de difícil acceso e que permite reducir os efectos adversos do tratamento
O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, trasladou esta semana aos presidentes das xuntas provinciais da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en Galicia o compromiso da Xunta por situar á comunidade á vangarda tanto na atención aos pacientes oncolóxicos coma na investigación sobre esta enfermidade.
Rueda mantivo un encontro co representante autonómico da entidade en Galicia e presidente da xunta provincial da Coruña, Manuel Aguilar, e os presidentes das xuntas provinciais de Lugo e Ourense, Maria Luz Abella e Germán Rodríguez- Sáa, respectivamente. Na reunión, os dirixentes da AECC presentaron ao presidente os novos proxectos que están a levar a cabo nas dez sedes que a asociación ten en Galicia.
O titular do Goberno galego reafirmou o apoio da Xunta a esta entidade coa que colabora desde hai anos no desenvolvemento de diferentes programas como o acompañamento a pacientes oncolóxicos durante a súa estancia no hospital de día, o reparto de revistas, bebidas ou alimentos ás persoas que agardan pola quimioterapia, campañas de sensibilización ou actividades específicas para pacientes laringuectomizados ou con cancro de mama.
Rueda resaltou tamén que a Xunta ten en marcha a Estratexia de Xestión do Cancro en Galicia co obxectivo de reducir a incidencia desta patoloxía e mellorar a atención aos pacientes. Inclúe medidas para controlar os factores de risco, fomentar os hábitos saudables e aumentar os diagnósticos temperás. Ao abeiro desta Estratexia, prevese a implantación dos cribados de cancro de pulmón e próstata e ampliar nun 50% o número de mulleres que poden someterse ao de cancro de mama ao reducir a idade de acceso a estas probas de 50 a 45 anos. Ademais, seguirán en marcha o cribado de cancro de colon e o de cérvix.
Por outra banda, Galicia vai seguir avanzando na investigación contra o cancro grazas aos novos centros de terapia CAR-T e de protonterapia. A previsión é que o primeiro -no que se desenvolverán novas terapias avanzadas- estará en funcionamento nos primeiros meses de 2024 mentres que xa están licitadas as obras para o centro de protonterapia, no que se instalarán equipos cunha innovadora radioterapia que facilita tratar tumores situados en zonas sensibles e reduce os efectos adversos da terapia. A Xunta traballa coa previsión de que este centro sexa o primeiro destas características en poñerse en marcha en toda España.