Saturday 16 de November de 2024

Nava Castro insta aos concellos da Vía da Prata a crear unha mesa de traballo que exerza como órgano coordinador desta Ruta Xacobea


A directora de Turismo de Galicia, xunto co presidente da Deputación de Ourense, mantivo unha reunión cos alcaldes dos concellos polos que transcorre a Vía da Prata para presentarlles o Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo unha reunión cos alcaldes dos concellos polos que transcorre a Vía da Prata para presentarlles o Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago.

O principal obxectivo do encontro, que tivo lugar no Pazo de Villamarin, foi por en marcha a constitución dunha Mesa de Traballo da Vía da Prata para que exerza como órgano coordinador desta Ruta Xacobea.

Durante o encontro, a directora de Turismo de Galicia resaltou a importancia da coordinación interadministrativa e o compromiso de todos os axentes implicados para levar a cabo as actuación abordadas no Plan Director do Camiño e conseguir, así, os obxectivos fixados para lograr que todas as Rutas Xacobeas cheguen ao próximo Ano Santo 2021 nas mellores condicións.

Así, a responsable de Turismo da Xunta pediu aos alcaldes dos concellos galegos da Vía da Prata a súa colaboración para traballar de maneira coordinada e cun mesmo obxectivo: acadar no 2021 un Camiño de Santiago xestionado integralmente por todas as administracións e axentes implicados, hospitalario, sostible social, económica e medioambientalmente, protexido e conservado, que satisfaga as necesidades do peregrino e cumpra as súas expectativas, conectado globalmente e accesible, xerador de coñecemento e que internacionalmente a marca Galicia.

Nava Castro explicou aos participantes na reunión que o Plan supón unha ferramenta de xestión para a Xunta de Galicia e para todos os axentes implicados na Ruta Xacobea. “Constitúe unha folla de ruta que marca as directrices para favorecer a conservación da esencia do Camiño na nosa comunidade autónoma, atendendo a todos os axentes, públicos e privados, implicados no mesmo”, afirmou.

Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta explicou que o Plan Director do Camiño de Santiago constitúe un dos documentos clave no eido do desenvolvemento turístico de Galicia.

Principais accións na Vía da Prata
Durante o encontro, a responsable de Turismo da Xunta presentou os diversos plans de acción que recolle o Plan Director para a mellora e o mantemento da Vía da Prata.

Neste senso, Nava Castro destacou, entre outras actuacións, a creación do novo albergue de peregrinos público da cidade de Ourense que reforzará a infraestrutura da Vía da Prata mellorando a súa capacidade de acollida aos peregrinos.

Máis de 148 mil peregrinos
A directora de Turismo de Galicia, sinalou que, segundo os datos da Oficina do Peregrino, no que vai de ano recolleron a súa Compostela un total de 256.330 mil peregrinos, o que supón un aumento do 10,34% en relación ao mesmo período do pasado ano.

Segundo afirmou, destes peregrinos, un total de 8.965 peregrinos chegaron a Compostela pola Vía da Prata.