Do total de propostas, 300 son solicitudes procedentes de artistas españois ou residentes en España
A maior conferencia da escena musical global realizarase na Coruña entre os días 25 e 29 de outubro e congregará máis de 3.000 congresistas de 90 países
O encontro musical internacional WOMEX, que terá lugar na Coruña do 25 ao 29 de outubro, incrementou a participación con máis de 1.600 propostas de showcases presentadas, a cifra máis elevada desde que organiza a cita, das cales 300 son solicitudes de artistas españois ou residentes en España.
WOMEX (Worldwide Music Expo) é o encontro musical máis internacional e culturalmente diverso do mundo e o encontro máis grande da escena musical mundial. Con motivo da súa chegada á cidade, A Coruña acollerá máis de 150 propostas de conferencias, máis de 100 propostas de Club Summit e máis de 80 presentacións de películas.
Actualmente, o xurado da organización da feira está a desenvolver o proceso de selección de
artistas que integrarán este ano a programación oficial. Ademais, o vindeiro 12 de abril abrirase o rexistro para asistir a WOMEX 23.
Opening Night
Un dos momentos máis relevantes de WOMEX é a Opening night, protagonizada polos concertos de apertura. Estes shows son seleccionados e producidos por persoas expertas do país ou rexión anfitrioa, que ten como obxectivo amosar e celebrar a súa herdanza e identidade musical. O espectáculo inclúe cinco días de música, creación de redes e intercambio cultural e este ano estará dedicado á figura de Pablo Picasso baixo o título “Resounding Picasso: Celebrating The Master’s Journey”.
Este ano 2023 está marcado pola celebración internacional da obra e o legado artístico doxenio Pablo Picasso por dous importantes motivos: o 8 de abril cumprirase o 50 aniversario do falecemento do artista; e, o 25 de outubro, a inauguración de WOMEX na Coruña coincidirá co aniversario do seu nacemento.
Para celebrar á vida e obra de Picasso e honrar a súa profunda conexión coa súa terra natal, a programación da Opening night de WOMEX estará protagonizada por catro bandas ou artistas que representan os catro lugares clave que marcaron a súa infancia e mocidade: Andalucía, onde naceu; Galicia, onde iniciou a súa andaina artística; Madrid, onde estudou na Real Academia de Belas Artes, e Cataluña, onde realizou a súa primeira gran exposición e conectou cos artistas máis vangardistas. Unha viaxe artística e musical que levará o público a descubrir a banda sonora da vida e obra de Picasso.
O mercado profesional máis importante da industria musical mundial congregará na Coruña máis de 3.000 delegados procedentes de máis 90 países, que abranguen desde programadores, promotores, empresas discográficas e xornalistas nacionais e internacionais ata artistas que chegarán de todo o mundo.