– O BNG recibiu queixas de traballadores municipais por numerosas vacantes sen cubrir en diversos departamentos.
– Esta falta de persoal impide o normal funcionamento da Administración local.
– O propio Servizo de Persoal ten 4 vacantes sen cubrir de 7 postos de traballo, realizándose os trámites de nóminas e Seguridade Social dende o Concello de Pontedeume.
– É hora de pór fin a esta situación, non sabemos até que punto buscada polo actual Goberno Municipal, e recuperar a Administración do Concello de Culleredo e poñela a traballar para garantir o benestar da súa veciñanza.
O Concello de Culleredo é agora mesmo un cascarón vacío, unha Administración sen músculo, sen motivación, e sen unha dirección que o guíe para buscar o benestar dos seus veciños e veciñas.
Un exemplo desta situación é o Servizo de Persoal, fundamental para o funcionamento do propio Concello, pois é o encargado de organizar oposicións de ingreso ou elaborar as nóminas mensuais do persoal.
A degradación deste Servizo é tan grande que agora mesmo, de 7 postos de traballo, só hai 3 cubertos, os outros 4 (entre eles o posto de Xefe de Servizo) están vacantes.
Así, o Goberno Municipal asinou un convenio co Concello de Pontedeume para a realización das nóminas e dos trámites coa Seguridade Social. É dicir, a Administración dun Concello de menos de 8.000 habitantes, ademais de xestionar o seu propio persoal, está a xestionar o Servizo de Persoal dun Concello de máis de 30.000.
Isto tradúcese, por exemplo, no pagamento atrasado das nóminas, como aconteceu recentemente. Tradúcese tamén nas grandes dificultades para xestionar as listas de contratación ou as probas de acceso á Administración. A OPE de 2017 caducou sen que se desenvolvesen os procesos selectivos para a cobertura das prazas que figuraban vacantes.
E non só ocorre no Servizo de Persoal. O BNG ten recebido queixas de traballadores municipais polas vacantes de persoal sen cubrir noutros departamentos, que impiden o funcionamento apropiado dos mesmos. Temos mesmo recibido queixas de persoal que ten que aportar os medios para desenvolver o seu traballo, sen que dende o Goberno Municipal se tomen medidas.
É hora de pór fin a esta situación, non sabemos até que punto buscada polo actual Goberno Municipal, e recuperar a Administración do Concello de Culleredo e poñela a traballar para garantir o benestar da súa veciñanza. Este é un dos principais compromisos do BNG ao fronte do goberno que saia das eleccións do 28 de maio.