Hai 2.859 vehículos cunha bonificación do 100% do IVTM por estar adaptados ou ter máis de 25 anos e 12 cun desconto do 75% por ser eléctricos
O parque automobilístico de Carballo aumentou un 23% en dez anos. No padrón municipal figuran neste momento 28.722 vehículos, 5.441 máis que no ano 2013, e 20.255 son turismos. Tendo en conta este último dato e que no noso concello están empadroadas 26.607 persoas maiores de 18 anos, a conclusión é que un 76% dos carballeses e carballesas con idade para conducir teñen coche. Pero tamén hai 2.823 camións, o que reflicte o peso das empresas de transporte; 1.928 tractores, 1.660 motocicletas, 1.195 remolques, 828 ciclomotores e 33 autobuses.
Carballo segue sendo un dos concellos galegos onde resulta máis barato ter coche. Por exemplo, o/a propietario/a dun turismo de 12 a 15,99 cabalos fiscais paga 79,14 euros ao ano, fronte aos 110,25 de Arteixo, os 93,52 de Ames, os 132,10 de Narón ou os 86,33 de A Laracha ou Malpica. O Concello de Carballo aplica o mínimo coeficiente legal permitido (1,1), e ademais leva sen modificar as tarifas desde o ano 1997.
Precisamente, dende o vindeiro luns 10 de abril ata o 14 de xuño estará aberto o período voluntario para abonar o imposto sobre vehículos de tracción mecánica, que suporá para o concello uns ingresos de 1.395.930,86 euros, unha vez descontados os 266.164,96 correspondentes aos vehículos con exención ou bonificación.
Neste sentido, a ordenanza fiscal que regula este imposto establece bonificacións do 100% da cota para os vehículos históricos ou cunha antigüidade mínima de 25 anos, así como para os adaptados a persoas con discapacidade, e do 75% para aqueles que utilicen motores alimentados por hidróxeno, auga ou electricidade (non se inclúen os híbridos), en todos os casos previa solicitude por parte da persoa titular. En total benefícianse destas bonificacións un total de 2.859 vehículos: 2.095 antigos, 752 adaptados e 12 eléctricos. E ademais hai outros 2.233 vehículos exentos, tractores na súa maior parte, pero tamén 67 remolques lixeiros e 36 vehículos municipais.