Un total de 20 nenos e nenas, de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, participan na ludoteca de Semana Santa do programa Lousame Concilia, unha iniciativa de conciliación familiar que tivo lugar esta semana e que rematará o vindeiro luns 10 de abril. Un programa que se desenvolve nas instalacións do CPI Cernadas de Castro, entre as 9:30 e as 14:30 horas.
Durante estas horas, a rapazada desfruta dunha sesión de xogos combinados con contacontos, karaoke, zumba, ximnasia, música, ioga, zumba, deportes, xogos tradicionais, experimentos científicos e merenda para repoñer forzas. Esta programación pecharase o próximo luns cunha nova sesión de xogos e deporte a primeira hora e unha gran festa de fin de curso.
O Lousame Concilia de Semana Santa é un programa de conciliación familiar dirixido a nenos e nenas en idade escolar durante o período de vacacións, é dicir, 3, 4, 5 e 10 de abril. Está organizado pola Concellería de Igualdade do Concello de Lousame e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.