Friday 22 de November de 2024

A Xunta presenta a axenda dos monumentos naturais de Galicia con fin de que o 100% deste espazos teñan iniciada a tramitación dos seus plans de xestión en 2023


― O Consello autorizou hoxe á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a empezar a traballar no Plan da Costa de Dexo, que será o cuarto monumento natural en dotarse deste instrumento

― A previsión é iniciar a finais de abril o procedemento para redactar o Plan de Pena Corneira e que no segundo semestre do ano comecen a tramitarse os da Carballa da Rocha, o Souto de Rozabales e o Pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós

― Estes plans permitirán facer unha diagnose precisa do estado destes espazos naturais e dos valores que é preciso protexer, así como establecer as medidas de planificación e xestión que permitan asegurar o seu mantemento nun estado de conservación favorable

O Consello da Xunta autorizou hoxe á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a comezar o procedemento para preparar o Plan de xestión do monumento natural Costa de Dexo, que se enmarca na Axenda dos monumentos naturais de Galicia, que ten como obxectivo que o 100% destes espazos protexidos teñan iniciada a tramitación dos seus instrumentos de planificación en 2023.

Os monumentos naturais son espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza, que merecen ser obxecto dunha protección especial. Tamén se consideran monumentos naturais as árbores senlleiras e monumentais, as formacións xeolóxicas, os xacementos paleontolóxicos e mineralóxicos, os estratotipos e os demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou a importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos, sempre que sexan declarados como tales.

Nos monumentos naturais limitarase, con carácter xeral, a explotación dos recursos, agás cando esta explotación sexa plenamente coherente coa conservación dos valores que se pretenden protexer, conforme o establecido nas súas normas de declaración ou xestión, ou naqueles casos en que, por razóns de investigación ou conservación ou por se tratar de actividades económicas compatibles cun mínimo impacto e que contribúan ao benestar socioeconómico ou da poboación, se permita a dita explotación, logo de autorización administrativa.

Galicia conta con 8 monumentos naturais, que son a Praia das Catedrais, o Souto da Retorta, a Fraga de Catasós, o Souto de Rozabales, o Pregamento xeolóxico Campodola-Leixazós, a Costa de Dexo, a Carballa da Rocha e a Serra de Pena Corneira.

Deste xeito, e tendo en conta que a Praia das Catedrais, o Souto da Retorta e a Fraga de Catasós xa contan cun plan de xestión, e logo de que o Consello autorizase hoxe o inicio da tramitación do da Costa de Dexo, a previsión é que a finais do mes de abril se inicie o procedemento para redactar o Plan de Pena Corneira e que no segundo semestre deste ano comece a tramitación dos da Carballa da Rocha, o Souto de Rozabales e o Pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós.

A intención do Goberno galego con esta medida é completar canto antes a planificación dos 5 monumentos naturais pendentes e seguir traballando na ordenación e mellora dos 3 que xa contan cunha ferramenta propia de xestión.

Plan de xestión do Monumento Natural Costa de Dexo
A Costa de Dexo será o cuarto monumento natural que contará cun instrumento de planificación. Este plan permitirá facer unha diagnose precisa do estado deste espazo natural e dos valores que é preciso protexer e, a través desta recompilación de información, estableceranse as medidas de planificación e xestión que permitan asegurar o seu mantemento nun estado de conservación favorable.

Así, este instrumento de xestión, cuxo prazo de elaboración será dun máximo de dous anos e que terá unha vixencia indefinida, deberá incluír a delimitación do seu ámbito de protección; os posibles riscos que poidan afectar os seus valores naturais; os obxectivos de conservación; as normas de uso e aproveitamento do solo e os recursos naturais; as normas relativas ao uso público, así como ás actividades científicas e educativas; a programación de actuacións que se van desenvolver; o programa de seguimento; a identificación das medidas para garantir a conectividade ecolóxica, establecendo e restablecendo corredores con outros espazos naturais de singular importancia para a biodiversidade e os instrumentos orzamentarios para cumprir os fins perseguidos coa declaración do espazo.

Nesa liña, a orde de axudas para proxectos ambientais ampliarase na convocatoria 2024-2025 a toda a Rede galega de espazos protexidos, incluíndo, polo tanto, aqueles monumentos e paisaxes protexidas non declarados espazos Natura 2000 e que actualmente non contaban con esta posibilidade de financiamento.

A Costa de Dexo é un lugar de grande importancia ecolóxica tanto pola singularidade dos seus ecosistemas e hábitats como pola súa xeomorfoloxía e paisaxe. Este lugar esténdese pola franxa litoral entre o cabo de Mera e o porto de Lorbé -aproximadamente 11 km de costa-, cun rango altitudinal que vai dos 0 aos 38 metros sobre o nivel do mar.