Saturday 16 de November de 2024

O concello celebra o mes do libro con propostas culturais para o público infantil


Tamén haberá catro contacontos infantís, un deles dirixido a bebés, e unha actividade da escola infantil A Galiña Azul na biblioteca da Laracha.

Como cada ano nestas datas, o Concello organiza un novo programa municipal para celebrar o Mes do Libro, xa que o 23 de abril é o Día Internacional do Libro. O propósito desta iniciativa é fomentar a lectura, especialmente entre os nenos.

A novidade desta edición do programa serán os obradoiros infantís de lettering, unha disciplina creativa que consiste no debuxo das letras. Van dirixidos a nenos de entre 8 e 12 anos de idade e ofrécense catro quendas, todas elas en horario de 17:00 a 19:00 horas:
• A Laracha (Casa da Cultura): luns 17 e martes 18.
• Caión (centro sociocomunitario): mércores 19.
• Paiosaco (centro sociocultural): luns 24.

Requírese inscrición previa, que é gratuíta, cubrindo o formulario en liña ou acudindo ao Concello. O prazo ábrese o martes 11 de abril e as prazas dispoñibles outorgaranse por orde de inscrición.

O programa do Mes do Libro tamén inclúe catro sesións de contacontos infantís.

O venres 14 será a primeira ás 18:00 horas na biblioteca de Paiosaco con Roupa tendida, a cargo de Xarope Tulú, un espectáculo que afonda na literatura de tradición oral.

O venres 21 será a quenda para Animaladas, de Teatro Calavera, a partir das 18:00 horas na biblioteca da Laracha. A narración será unha apaixonante aventura cargada de humor e música que escolma algúns dos contos máis coñecidos protagonizados por animais.

O venres 28 TrinkeTrinke Teatro chegará ao centro sociocultural de Caión a partir das 18:00 horas con A vida na selva, na que os ratos de Lonxedetodo contan o que observaron na temporada que pasaron na selva.
O programa pecharase o domingo 30 a partir das 12:00 horas co contacontos para bebés (6 meses a 4 anos de idade) Leo e as cores, de Trémola Teatro, no que se axudará aos máis pequenos a coñecer e desfrutar das cores mediante o emprego de diferentes elementos sensoriais.

En todos os casos a entrada será libre e gratuíta para o público asistente.
Ademais, o día 21 de o alumnado da escola infantil A Galiña Azul fará unha excursión á biblioteca da Laracha, onde desfrutarán do contacontos A nena e os tres osos de Migallas Teatro.