O próximo martes 11 de abril abren as inscricións para un novo obradoiro do programa Familias Inquedas da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade. Este obradoiro, co nome de “Educa Bonito”, está dirixido ás familias con fillos e fillas entre 0 e 10 anos de idade empadroadas no Concello de Oleiros.
Os primeiros anos de crianza son claves no desenvolvemento das rapazas e dos rapaces para medrar con autonomía e seguridade, xerando un vínculo baseado na confianza mutua e atendendo ao mellor desenvolvemento emocional posible que garanta un crecemento axeitado, unhas relacións de respecto e unha comunicación respectuosa.
Como todos os obradoiros programados dende Familias Inquedas a proposta está baseada en valores que reforzan o vínculo entre as familias e os seus fillos e fillas.
O obradoiro será impartido por María Soto, de Educa Bonito, docente con ampla experiencia en disciplina positiva, que desenvolveu unha metodoloxía propia que fomenta esta forma de crianza. Autores de dous libros sobre esta temática “Educa Bonito” e “Confianza cien, expectativa cero”, participou en numerosos encontros sobre educación e crianza e imparte formacións por toda España.
Este obradoiro é totalmente gratuíto e vaise desenvolver nas instalación municipais de Villa Etcheverry en Perillo, ao largo dunha sesión intensiva, de mañá e tarde, o sábado 22 de abril e en catro sesións posteriores de dúas horas, de 18:00 a 20:00 h, os luns 8, 15, 22 e 29 de maio.
O número de prazas para este obradoiro é de 15 persoas, por orde de inscrición, que se farán a través da web municipal www.oleiros.org na sede electrónica dentro do catálogo de trámites.