Está en execución o último tramo ata a rúa Sofía Casanova
A nova configuración conta cunha vía de plataforma única, mobiliario urbano e máis de 20 árbores
A primeira fase dos traballos de reforma integral da rúa Ramón Cabanillas están xa rematados no barrio dos Mallos, coa apertura do tramo entre a rúa San Vicente e a avenida dos Mallos. Actualmente continúa en execución o seguinte e último tramo, ata a rúa Sofía Casanova.
A actuación está a ser executada pola empresa Vazquez y Reino e conta cun total de 701.990,53 euros procedentes dos 11 millóns en fondos Next Generation, xa que forman parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Ramón Cabanillas conta cunha nova configuración de plataforma única, con espazos para mobiliario urbano e prioridade peonil compartida entre viandantes e vehículos autorizados para zonas de carga e descarga ou uso de garaxes. Ademais da renovación do pavimento e a reconfiguración da vía, tamén se está a renovar a rede de saneamento e a iluminación pública.
No canto do mobiliario urbano, instaláronse diferentes elementos de formigón como bancoscon asentos de madeira de diferente tipo e tamaño, creando ademais un contraste cromático co uso de formigón de cor gris e negra, con zonas de lastra de granito nos bordos do mobiliario e pavimentos podotáctiles nos pasos de peóns. Tamén se prevé a plantación de 21 novas árbores nestas estruturas ao longo da rúa, das cales 12 xa están ubicadas neste tramo xunto con 36 novos bancos, papeleiras e colectores semisoterrados. Tamén se está a renovar a rede de iluminación pública, substituindo as luminarias en fachadas por columnas con lámpadas LED, e executouse a semaforización do paso de peóns da avenida dos Mallos a través de balizas.