A candidatura da Coruña para renovar esta distinción ministerial recadou preto de 200 apoios entre as entidades científicas, sanitarias, educativas, deportivas e culturais galegas, así como do tecido empresarial e veciñal
Valorouse a elección da cidade como sede da AESIA, a posta en marcha das obras para erixir a Cidade das TIC, e a relevancia da Universidade e os Museos Científicos Coruñeses
A Coruña acaba de renovar a súa distinción como ‘Cidade da Ciencia e a Innovación’, un título que lles outorga o Ministerio de Ciencia e Innovación ás cidades distinguidas polo seu apoio á innovación, potenciando as estruturas, institucións e empresas locais en termos científicos e tamén no referente ao impulso das novas tecnoloxías.
Nesta convocatoria, o Ministerio renovoulles o distintivo a un total de 16 municipios, e A Coruña é a única representante galega na categoría de máis de 100.000 habitantes.
Ademais, o galardón habilita a cidade como membro da Rede de Cidades da Ciencia e Innovación e da Asociación Red Innpulso, que potencian a colaboración entre concellos, compartindo boas prácticas de xestión, así como iniciativas para lle comunicar os proxectos á cidadanía.
A candidatura da Coruña para renovar esta distinción ministerial recadou preto de 200 apoios entre as entidades científicas, sanitarias, educativas, deportivas e culturais galegas, así como do tecido empresarial e veciñal. Tamén moitos concellos localizados na área metropolitana da Coruña, Ferrolterra e a Costa da Morte amosaron o seu apoio á renovación deste status da Coruña como ‘Cidade da Ciencia e a Innovación’.
A AESIA, a Cidade das TIC e o papel da Universidade e os Museos Científicos
A memoria da candidatura presentada incide especialmente na relevancia do tecido tecnolóxico que vertebra a economía local, con máis de 700 empresas vencelladas a eidos como a innovación e o sector das TIC —o 27 % do total de Galicia—. Estas empresas xeran, ademais, máis de 7.200 postos de traballo.
A este aspecto súmase, ademais, a elección da candidatura da Coruña para albergar a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), que estará situada desde este ano no emblemático edificio da Terraza, nos xardíns de Méndez Núñez.
Por outra banda, a memoria remitida polo Concello ao Ministerio de Ciencia e Innovación subliñou a posta en marcha das obras para erixir a Cidade das TIC en Pedralonga, un polo tecnolóxico e de innovación dixital.
En paralelo, destacouse tamén a ampla oferta formativa da cidade, onde a Universidade da Coruña reúne arredor de 17.000 alumnos e alumnas e ofrece máis de 130 graos e másteres, cun gran número de especialidades orientadas á enxeñería e ciencia de datos.
E ademais, incidiuse no carácter pioneiro da Coruña como impulsora dos Museos Científicos Coruñeses, que abranguen a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae, así como a sede do Museo Nacional da Ciencia e a Tecnoloxía (MUNCYT).
Todas estas cuestións foron valoradas polo Ministerio de Ciencia e Innovación para recoñecer A Coruña como ‘Cidade da Ciencia e a Innovación’, status que a cidade —tras a renovación certificada onte polo Goberno do Estado— ostenta xa dende hai máis dunha década.