O patrimonio e a paisaxe centran a programación de actividades deseñada pola Concellaría do Turismo da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela, para potencia-los recursos do municipio nesta época da Semana Santa.
Xa no 31 de marzo regresou A nosa feira cun total de 14 postos que permanecerán nos Xardíns de Valle-Inclán ata 10 de abril.
Neste día 5 foi a quenda de coñecer de primeira man o proceso extractivo dos bivalvos a través dun obradoiro de marisqueo que tivo como epicentro a praia dos Areos. As persoas asistentes puideron constata-la materia prima que atesoura o litoral pobrense, o oficio das mariscadoras e os aparellos que empregan no seu día a día.
As inscricións continúan abertas para o resto de propostas. No día 6, Xoves Santo, toca calzar un zapato cómodo para emprende-la ruta xacobea guiada polo Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe ó seu paso pola Pobra. O tramo consta de 8 quilómetros e a dificultade é baixa. Establécese como punto de encontro o aparcadoiro situado diante da praza de abastos, ás 09.00 horas. A matrícula ten un custo de 9 euros.
A acción desprázase no día 7, Venres Santo, á contorna do río das Pedras, en forma de ruta de 3 quilómetros, de dificultade media. O traslado efectuarase dende o aparcadoiro fronte ó mercado municipal, ás 10.00 horas. Tamén é preciso anotarse cunha contía que se sitúa nos 9 euros.
E no día 8, Sábado de Pascua, a atención concéntrase no patrimonio cun itinerario guiado polo centro histórico da vila, de dificultade baixa. A xornada compleméntase cunha visita á capela da Alba da igrexa de Santiago do Deán. En ámbolos casos, sairase das inmediacións da Casa Mariñeira, ás 11.00 e ás 16.45 horas, respectivamente. Reservarase unha praza por un valor de 3 euros cada actividade.
Resulta preciso anotarse previamente na oficina do turismo, situada na contorna do parque do Castelo, mediante o enderezo electrónico turismo@apobra.gal ou nos teléfonos de contacto 671090262, 687482835 e 981843280, marcando a extensión 2035.