Friday 22 de November de 2024

Catro propostas para descubrir San Sadurniño durante a Semana Santa


Veñen aí catro festivos que, segundo parece, serán de bo tempo. Non de calor, pero si cun sol deses que convida a pasear gozando do aire libre. E San Sadurniño é o lugar perfecto para aproveitar as raiolas por múltiples motivos. O principal é que hai moito para ver entre paisaxe e patrimonio, pero tamén unha boa oferta de casas de comidas, cafetarías e outros servizos. Por iso, tanto para a xente de aquí como para a que veña de fóra, nas seguintes liñas ofrecemos tres propostas para descubrir o territorio, deixando o domingo para descansar antes da volta á rutina… ou para seguir explorando todo o que ofrece.

Xoves: o sendeiro do Castro ata Igrexafeita con parada no castelo de Naraío
Comezamos o percorrido cun paseo de dificultade baixa-media que arranca na fonte de San Roque, en Naraío, para seguir despois augas arriba o curso do Castro. A ruta está sinalizada e transcorre por carreiros paralelos ao río rodeados de vexetación autóctona -e algún que outro eucaliptal- no que iremos vendo elementos patrimoniais de grande valor, como por exemplo a ponte medieval da Ferraría, os muíños de Pielas, o Batán e Riolimpo e, a medio camiño da ruta (a uns 5,8 quilómetros do punto de saída), o castelo de Naraío.

Alí cómpre facer parada para admirar con detemento a espectacularidade da fortaleza, que se apoia cunha reconstrución virtual en 3D e outra información accesible desde o teléfono móbil. Ademais, desde 2020 o castelo dispón de pasarelas arredor dos muros e dunha estrutura metálica que permite subir ao punto máis elevado da torre.

Trala visita ao castelo pode proseguirse o itinerario ribeirao ata a área recreativa do Pozo de Lamas, en Igrexafeita, situada uns 3 quilómetros máis arriba. O espazo conta con mesas á sombra e desde alí tamén se pode subir polo cauce do rego de María Queira, que brinda un espectáculo de pequenas fervenzas e exemplos de vexetación autóctona.

Todo o trazado coincide coa Ruta dos Castelos e Mosteiros que une os principais elementos relixiosos e defensivos da zona, como o mosteiro de Caaveiro, o propio castelo de Naraío ou o de Moeche. Ademais tamén comparte un tramo da GR-55 de Betanzos a Santo André de Teixido, que cruza Naraío procedente da Capela, vai a Igrexafeita -pasando polas Penas do Rei Mouro– e logo baixa a Ferreira, onde atopamos o palco da música de San Paio -un dos poucos que quedan en toda a volta- e o famoso Pico de San Vicente co seu sartego antropomorfo -a cama do santo-, desde onde se divisan as terras de Trasancos e do val de Moeche.

Venres: unha ollada ao futuro territorio do Xeoparque
Sen deixar a banda sur do concello, o río Castro fai de fronteira natural entre materiais xeolóxicos. As diferenzas aprécianse ben na fervenza situada uns metros máis abaixo do castelo de Naraío, onde remata o bloque do Forgoselo. Nese punto (ao que tamén podemos achegarnos na ruta do Castro) vense claramente as distintas fases da formación dos bolos graníticos -grandes rochas que aparecen na paisaxe, ás veces unhas dacabalo doutras- e tamén das pías, que son curiosos buratos resultado da erosión, nuns casos polo de desbaste producido por pequenas rochas cautivas en ocos, como ocorre na zona de Riolimpo, e noutros pola acción físico-química da auga da chuvia, algo que se observa nas penas de Racamonde, punto máis elevado de San Sadurniño.

A zona forma parte dos enclaves do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, que será aprobado pola Unesco dentro dunhas semanas. Ademais, desde o vértice xeodésico de Racamonde -onde hai unha rosa dos ventos ilustrada xunto con outra información- é posible ver a práctica totalidade dos 800 quilómetros cadrados do ámbito terriotrial do proxecto e gozar dunha panorámica de 360º que abrangue Meirama, A Coruña, a costa de Valdoviño, Herbeira, Cariño, parte de Ortigueira, Muras e As Pontes. Sobra dicir que desde ese punto se ve case todo o concello de San Sadurniño. Este percorrido pode facerse a pé ou en coche.

Sábado: a Fraga Máxica, o paseo fluvial, os xardíns e o Convento do Rosario
A última proposta lévanos ao centro de San Sadurniño, nos arredores da zona urbana. E é que alí se concentran unha chea de recursos que poden visitarse nun percorrido circular de escasos tres quilómetros, xuntando a cada paso natureza e bens de grande interese, como por exemplo o conxunto do claustro e a igrexa de Santa María a Maior do Rosario -abertos durante o día-, a Capela do Belén ou os xardíns municipais anexos ao antigo Pazo da Marquesa.

Porén, un dos lugares que nos últimos tempos se converteu en referente de lecer para toda a comarca é o paseo fluvial do Xubia e o arboreto da Cortiña -onde se mostran exemplos a pequena escala de todos os tipos de bosques existentes en Galicia-, sobre todo desde que unha parte da parcela está ocupada polas criaturas da Fraga Máxica. Dragóns, duendes, ras, paxaros, fadas e seres imaxinarios -ou non tanto- feitos realidade por Carlos García e Marina Goti que hoxe son un reclamo para familias con nenas e nenos, tanto da zona como doutros puntos de Galicia.

Domingo: descansar ou seguir percorrendo o territorio
Despois de tres días moi intensos, a proposta é baixar de revolucións antes de volver á rutina, aínda que para moita xente o luns tamén será festivo. Se aínda quedan folgos poden percorrerse outros puntos do territorio, como o tramo do Camiño de Santo André que cruza Santa Mariña do Monte ou o curso baixo do Río Aceiteiro, ademais de descubrir a arquitectura tradicional -hórreos, casas de labranza, etc.-, os cruceiros e igrexas ou botar o día en familia en calquera das áreas recreativas que se reparten por todo o municipio.

E todo o anterior contando con varios restaurantes para xantar ou cear, bares e cafetarías onde tomar un refrixeiro e outros establecementos onde aprovisionarse de víveres, prensa ou pan fresco (consultar horarios durante os festivos). Ademais, quen veña de fóra en autocaravana ten á súa disposición a área de servizos da Cortiña, con dúas prazas para descarga e enchido de auga e un campo no que se pode estacionar para pasar a noite. Toda a información sobre recursos turísticos e servizos pode atoparse na guía en liña “San Sadurniño. #quemáisqueres“