Friday 22 de November de 2024

Nace Norte Cinema Diverso, un novo festival de cinema LGTBIQ+


O certame terá lugar os días 21 e 22 de abril no Teatro Colón

A primeira edición do festival Norte Cinema Diverso celebrarase este mes na Coruña. Nove curtametraxes, catro documentais e dúas longametraxes conforman a programación deste certame cinematográfico, que terá lugar no Teatro Colón o venres 21 (en sesión de tarde) e o sábado 22 de abril (en sesión de mañá e tarde).

Segundo o director do certame, Fernando Cayazzo, “a través do cinema destrúense prexuízos e reflíctese a loita do colectivo coa creación de referentes e a achega de visibilidade ás vidas e historias das persoas LGTBIQ+”.

Pola súa banda, o codirector do certame, Fito Ferreiro, sinalou que o obxectivo da mostra é “chegar a toda a cidadanía, especialmente aos centros educativos, e, por suposto, á comunidade LGTBIQ+”.

Norte Cinema Diverso conta coa colaboración do Concello da Coruña e a cinemateca da fundación Pedro Zerolo. Bodegas Martín Códax é o patrocinador do certame. Dará nome ao premio Marieta Martín Códax á mellor curtametraxe.

As entradas pódense adquirir de forma anticipada na páxina web do Teatro Colón a un prezo de tres euros a sesión.