Friday 22 de November de 2024

A directora de Turismo de Galicia destaca que as rutas dos viños conforman un referente de turismo de calidade


Resalta o gran potencial enoturístico do territorio do Ribeiro, así como a importancia de seguir traballando pola mellora da calidade e a excelencia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación do novo material de promoción da Ruta do Viño do Ribeiro que tivo lugar no Centro Comarcal de O Ribeiro.

Durante a presentación, a directora de Turismo de Galicia destacou o gran potencial enoturístico do territorio do Ribeiro, así como a importancia de seguir traballando pola mellora da calidade e a excelencia co obxecto de satisfacer as demandas dun público cada vez máis esixente.

Nava Castro referiuse á importancia do turismo enolóxico e a súa vinculación coa gastronomía, co patrimonio, coa cultura e coa tradición que rodea ao mundo do viño. “Todo este conxunto consegue que o feito de probar novos viños e visitar os territorios nos que se producen estea a converterse nunha tipoloxía turística con gran potencial e un auxe significativo”, afirmou.

A directora de Turismo de Galicia sinalou que cada vez son mais os turistas que acoden a Galicia para entender a concepción dos viños. “O turismo enolóxico estase a converter na Comunidade galega nun dos nosos principais reclamos, xa que outorga unha experiencia orixinal ao englobar unha infinidade de posibilidades para todos os gustos e preferencias”, afirmou.

Así mesmo, Nava Castro fixo referencia ao Plan Integral de Turismo de Galicia a través do cal, segundo explicou, traballase no fortalecemento e dinamizacións das adegas e viticultores das rutas dos viños de Galicia. “Na estratexia de centrar a oferta turística de Galicia no patrimonio e nos recursos endóxenos, buscando a desestacionalización e os novos públicos, se procura a activación e a dinamización turística dos territorios vinícolas”, sinalou.

Dentro das iniciativas desenvoltas para a dinamización e posta en valor dos territorios dos viños, Nava Castro destacou o propio desenvolvemento turístico das Rutas dos Viños de Galicia, das cales afirmou “conforman un referente en canto á enogastronomía y turismo de calidade”.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que coas Rutas dos Viños lógrase fusionar todos os recursos e servizos turísticos de interese das zonas vitivinícolas de Galicia nun so produto, contribuíndo deste modo ao impulso neste sector e actuando como motor de desenvolvemento económico e cultural das cinco zonas de produción vitivinícola con Denominación de Orixe.

Nava Castro destacou que a posta en marcha de iniciativas de promoción, como a presentada no día de hoxe pola Asociación da Ruta do Viño do Ribeiro, supoñen a posta en valor dun recurso que ten gran capacidade de atracción e que ao mesmo tempo é moi versátil, dado que pode complementarse con outros produtos ou experiencias enriquecendo así a oferta turística da nosa comunidade.

Material promocional
O novo material promocional presentado integra un Mapa enoturístico que será un instrumento para guiar ao turista polo territorio; un Caderno de Ruta, onde se atopa información adicional sobre cada un dos recursos da Ruta do Viño do Ribeiro; a páxina web www.rutadelvinoribeiro.com, que será a ferramenta de comunicación 2.0, accesible e con toda a información relevante, un recurso de comunicación dinámico onde atopar todos os eventos e noticias relacionados coa Ruta do Viño do Ribeiro. E, por ultimo, as Cartas de Viño, que constitúen un elemento diferenciador para todos os establecementos asociados.