Saturday 16 de November de 2024

A Biblioteca municipal de San Sadurniño promove un programa de animación á lectura entre as persoas maiores de 70 anos


“Biblioterapia”. Ese é o título dun novo programa promovido pola Biblioteca municipal de San Sadurniño co que se pretende fomentar o hábito da lectura entre as persoas maiores de 70 anos de todo o municipio. Iso por unha banda, e por outra tamén levar a cabo unha acción de inclusión cultural e de relacións sociais nun territorio de 100 quilómetros cadrados que, coma outros de Galicia, acusa a dispersión e o avellentamento cada vez máis acusado da poboación. Partindo desta base, o programa vai desenvolverse a xeito de proba piloto durante os meses de abril, maio e xuño facilitándolle as persoas de maior idade distintas maneiras de achegarse ao pracer dos libros, como por exemplo léndolles sinopses e fragmentos por teléfono, achegándolles exemplares á casa ou organizando encontros mensuais para falar de literatura e actualidade arredor dun café, coa novidade de facilitar transporte no caso de persoas con mobilidade reducida ou que non teñan medios para achegarse á biblioteca. Quen queira sumarse á iniciativa só ten que contactar coa bibliotecaria municipal, Anabel Gavín, no 652 814 144.

A campaña vai desenvolverse en distintas fases, comezando por un contacto telefónico con aquelas persoas interesadas para preguntarlles por se lles gusta ou non ler e se teñen algunha dificultade para facelo. Nese caso, segundo informan desde a Biblioteca municipal, “convidarémolas a que escoiten un fragmento dun libro, unha poesía ou un relato”, de maneira que o atranco físico non impida gozar do contido literario.

Por outra banda, a aquelas persoas que sexan lectoras autónomas -aínda que non teñan hábito-preguntaráselles polos temas que lle interesarían ou polas súas preferencias de lectura e, de acordo co que respondan, “recomendarémoslles algún libro, léndolles a sinopse ou incluso algúns parágrafos do seu inicio”. O obxectivo é espertar a curiosidade pola obra da que se trate que, posteriormente, se lles levaría ao domicilio para que as persoas participantes continúen léndoa pola súa conta.

Unha vez ao mes organizarase na biblioteca unha xuntanza “a modo de café-faladoiro” para conversar sobre libros e sobre a actualidade do momento, na liña dos clubes de lectura que xa están en marcha na axencia de lectura de San Sadurniño. Ademais, para que ninguén quede fóra do proxecto “convidarase a vir en taxi a aquelas persoas que non dispoñan de medio de transporte ou teñan problemas de mobilidade”.

A iniciativa leva o título “Biblioterapia” en alusión ao feito de que “as lecturas nutren, enriquecen, ábrennos xanelas…Os libros son terapia, sérvennos de espello onde ver o que levamos dentro, acompáñannos e actúan como bálsamo da dor mental e teñen un poder sanador”, apuntan desde a Biblioteca municipal.

Ademais, citando a Juan Farias -o outro grande escritor de Serantes, xunto con Torrente Ballester- “ler non é doado. Cando se le, ten que facerse con valor para que se abran os tempos, os espazos e os sentidos” e por esta razón, desde a axencia preténdese rachar cos prexuízos que poida haber por causa da idade. “Nunca é tarde para meterse de cheo na lectura e nós o que pretendemos é facilitarlle esa entrada, ou ese recordo, ás persoas maiores”, asegura Anabel Gavín.

A bibliotecaria menciona tamén “o valor social” dos encontros mensuais que se van organizar durante abril, maio e xuño, cos que se pretende “facer medrar o gusto pola lectura” e, sobre todo, “empregar os libros como escusa para fomentar as relacións entre persoas que se cadra viven soas”.

Para participar deste novo proxecto ou ampliar información só hai que contactar coa responsable da biblioteca chamando ao móbil 652 814 144 ou pasando polo primeiro andar da Casa da Cultura entre as 16:30 e as 21:00h de luns a venres.