• Os 17 municipios obterán a certificación que recoñece a calidade dos seus ceos para ser observados, algo que potenciará o seu carácter como destino ecoturístico e permitiralle dar un impulso máis ao seu desenvolvemento económico e social.
A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo superou a última auditoría para converterse en Destino Turístico Starlight. A certificación como Destino Turístico Starlight, concedida pola Fundación Starlight, constata como óptima a calidade do ceo dun territorio en canto ás súas calidades para a contemplación. Ao estar protexidos da contaminación lumínica, estes ceos son especialmente aptos para desenvolver actividades turísticas baseadas neles.
Deste xeito, a Reserva de Biosfera obterá nas próximas semanas un recoñecemento oficial que fortalecerá o territorio dos seus 17 municipios, que conforman o Primeiro Destino de Ecoturismo certificado de Galicia. Neste sentido, veranse moi beneficiadas as empresas coa Marca de Calidade da Reserva que traballan anualmente na mellora e sustentabilidade turística.
O presidente da Reserva, José Antonio Santiso, destaca que a futura certificación será un impulso importante “para o desenvolvemento económico e social para o territorio”, xa que se poñerán en marcha acciones para reducir a contaminación lumínica e así “favorecer que a poboación local e os turistas poidan observar o ceo en boas condicións”.
Estas accións para loitar contra a contaminación lumínica non irán enfocadas a reducir a iluminación nos núcleos de poboación e os recursos patrimoniais. Máis ben ao contrario, pois se buscará instalar sistemas moito máis eficientes baseados en novas tecnoloxías para obter unha mellor iluminación, máis segura e mellor orientada.
Unha vez a certificación sexa oficial, desde a Reserva traballarase na temática de redución da contaminación lumínica a través do programa ‘Educando na Biosfera’, que ofrecerá oportunidades de formación como ‘monitores Starlight’ aos membros das empresas locais co certificado na Marca. Tamén se adecuarán espazos infrautilizados no territorio para dotalos de infraestrutura astroturística ou se crearán experiencias nocturnas de divulgación que fortalecerán a oferta dos Aloxamentos da Biosfera.
Na mesma liña, baixo o Plan de Sustentabilidade Turística da Reserva, traballarase para concretar modelos de ordenanzas municipais e instrucións que exerzan como ‘modelo’ para desenvolver plans de iluminación contra a contaminación lumínica e, ao mesmo tempo, fomenten a transición ecolóxica.
Un conxunto, tres zonas
Todos os municipios da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo lograron entrar nos límites establecidos para ser considerados Destino Turístico Starlight (DTS).
Despois de 20.324 medidas para cualificar a nitidez, a transparencia e a cobertura das nubes, foron clasificados en tres zonas: Zona Núcleo, Zona de amortiguamento (buffer) ou Zona Externa.
A Zona Núcleo é a máis escura, con mellores valores para a observación. Corresponden ao 30% de todo o territorio, concretamente á zona este de a Reserva. Sobrado, Aranga, Curtis ou Oza-Cesuras son os municipios cos valores máis óptimos en canto a calidade do ceo nocturno.
Por último, as Zonas Externas conforman o 50% do territorio da Reserva e están asociadas a zonas urbanas ou áreas industriais dos municipios e a súa contorna.
A Fundación Starlight, un organismo recoñecido
A Fundación Starlight, que deu luz verde a certificar como DTS á Reserva de Biosfera, é un organismo dependente do Instituto Astrofísico de Canarias. Ademais, está apoiado pola certificación da Organizaciín Mundial do Turismo e da UNESCO.
Os seus principais obxectivos son a protección do ceo nocturno, a difusión cultural da astronomía e o desenvolvemento económico sostible local a través do astroturismo.
O traballo para obter esta certificación comezou hai varios meses, cando a Reserva de Biosfera iniciou os trámites para converterse en Destino Turístico Starlight, un recoñecemento que potenciará o territorio conformado por 17 concellos como destino ecoturístico.