Friday 22 de November de 2024

O Concello e Sogama organizan a charla sobre compostaxe que se celebrará o próximo martes


Todos os asistentes recibirán un pack de bolsas compostables.

A Casa da Cultura da Laracha acollerá o martes da próxima semana, día 11 de abril, a partir das 20:00 horas unha charla informativa sobre a compostaxe que organizan o Concello e Sogama. A sesión informativa será impartida por técnicos especializados e enmárcase no proxecto Res4Valor, a través do que se promove a transformación de residuos orgánicos en fertilizantes biolóxicos de alta calidade.

Entre os temas a tratar na charla destacan o correcto emprego do contedor marrón da quinta fracción da recollida selectiva de orgánicos implantando nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión e na urbanización Monte Claro de Cabovilaño, e tamén o uso axeitado dos composteiros domésticos. Ademais, na quenda de preguntas poderanse aclarar dúbidas relacionadas con calquera tipo de residuo.

O acceso para o público é libre e todos os asistentes serán agasallados cun pack de bolsas compostable.
Cabe lembrar que o Concello da Laracha é pioneiro en Galicia na implantación da recollida selectiva de orgánicos, contando actualmente con 614 familias e 42 grandes produtores dados de alta no programa Ti tes a chave para poder empregar o contedor marrón. Aquelas persoas que desexen sumarse ao voluntariado marrón poden aproveitar a sesión informativa do martes para darse de alta e recibir o seu kit formado pola chave para abrir os contedores, un cubo ventilado e bolsas compostables.

Paralelamente o Concello tamén promove a compostaxe doméstica cunha campaña de cesión gratuíta de composteiros individuais para aqueles veciños que residan nunha vivenda con parcela anexa, superándose xa as 200 unidades entregadas. Aquelas persoas interesadas poden solicitalo no Concello.