O concelleiro de deportes, José Oreona, presentou hoxe xunto co presidente da Federación Galega de Boxeo, Manuel Planas, o presidente e o responsable da sección Savate da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa “Narón-O Freixo”, Rafael Pazos e Rubén Villar, respectivamente, o Campionato galego Savate Assaut. A convocatoria, na que está previsto que participen máis de 150 competidores procedentes de diferentes clubs de Galicia, desenvolverase o 16 de abril nas instalacións do pavillón das Lagoas.
Ás 10.30 horas comezará a pesaxe dos participantes e o campionato en si dará comezo ás 11.00 horas ata as 14.00 e retomarase ás 16.30 horas ata o remate. Dende a organización indicaron que competirán categorías dende infantís, con menores de seis anos, ata os sénior e incidiron en que este campionato “non é unha competición coa modalidade KO, polo que non se poderá facer dano”.
O presidente da Federación Galega de Boxeo asegurou que o de Narón “é un dos campionatos nos que temos maiores expectativas, pensando incluso en que se poden batir récords de participación”. Explicou tamén Planas que “é un deporte moi técnico, moi bonito de practicar, no que se empregan as mans e os pés, e en definitiva, moi completo”.
Pola súa banda, dende o club Narón-O Freixo agradeceron a implicación do Concello e da Federación Galega de Boxeo e avanzaron que neste campionato “participarán moitos debutantes”.
O concelleiro de Deportes, José Oreona, felicitou á Federación Galega de Boxeo e ao club local pola organización deste evento, que se celebra por primera vez na cidade e desexou sortea os deportistas locais.