Faise tras executarse o proxecto de renovación do pavimento, nova sinalización e repintado das marcas viarias.
O Concello vén de establecer o sentido único de circulación na rúa Río Anllóns, situada no núcleo urbano da Laracha, permitindo a entrada pola Avenida de Caión (estrada DP-1913) e a saída pola Avenida Fisterra (AC-552). Un tramo desta rúa Río Anllóns, o máis próximo á Avenida Fisterra, xa era de dirección única, e agora esa circunstancia afecta a todo o seu trazado.
Esta decisión tomouse co propósito de reforzar a seguridade viaria, facilitar o tránsito dos vehículos e poder manter o espazo de aparcamento a ambas marxes da calzada nesta zona eminentemente residencial e que tamén alberga a escola infantil A Galiña Azul.
O sentido único da circulación establécese unha vez executado o proxecto de renovación do pavimento da calzada -tamén incluíu unha intervención nun tramo da rúa Río Bradoso, perpendicular á rúa Río Anllóns-, que tamén contemplou a renovación da sinalización horizontal e vertical e o repintado das marcas viarias, pasos para peóns e espazos de estacionamento de vehículos.
O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros Jesús Souto e Rocío López, comprobaron in situ os últimos traballos na rúa Río Anllóns antes de proceder á súa reapertura á circulación.