Un grupo de máis de 30 empresarios do sector turístico galego reuníronse con máis de 60 turoperadores e axentes do sector británico
A Axencia de Turismo en colaboración co Clúster de Turismo de Galicia promoveu unha misión comercial en Gran Bretaña na que participaron máis de 30 empresarios hostaleiros galegos.
Así, representantes de hoteis, de establecementos de turismo rural, de axencias de viaxes, turoperadores, responsables de asociacións provinciais e de palacios de congresos de Galicia atópanse na capital británica co obxectivo de presentar a oferta de Galicia como destino turístico e promover os seus produtos e servizos no marco da World Travel Market, un dos certames de Turismo máis importantes do mundo.
Deste xeito, o destino Galicia duplicou o número de participantes con respecto á edición anterior deste certame turístico e superou, así mesmo, o número de encontros comerciais realizados durante as dúas xornadas de traballo nas que se concentrou esta misión.
Así, o espazo da Comunidade galega ademais de 26 reunións acolleu unha activa axenda de networking na que se crearon contactos profesionais con máis de 60 turoperadores e axentes do sector británico.
Especial interese pola natureza galega
A gran maioría dos profesionais que mostraron interese polo destino Galicia contaban cun alto coñecemento da rexión e da súa potencialidade como destino turístico de calidade.
Turismo de Galicia fixo especial énfase en aqueles recursos e produtos de especial interese para o mercado británico, como é o Camiño de Santiago e o resto de experiencias turísticas relacionadas coa natureza que ofrece Galicia, como Paseando entre Viñedos, Manantiais de Galicia, Turismo Mariñeiro, Santuarios Máxicos, Faros e Praias Salvaxes, a Ruta da Camelia, Bosques de Galicia, Patrimonio Oculto e Lugares Únicos, entre outras.
O gran interese do mercado británico por estes recursos nos que a nosa Comunidade ofrece moitas posibilidades fan desta feira unha plataforma perfecta par promover Galicia como destino turístico.
Incremento do mercado británico
Con todo, tanto a administración turística galega como o sector privado confía en que a dita acción leve consigo un incremento do mercado británico, un dos máis importantes mercados internacionais da comunidade galega.
No que vai de ano aloxáronse nos establecementos hoteleiros de Galicia un total de 55.495 turistas británicos, o que supón un incremento do 19,4% con respecto ao mesmo período de 2014.