Saturday 16 de November de 2024

O Concello da Pobra inviste máis de 25 000 euros para material de atletismo


O Concello da Pobra do Caramiñal inviste 25 575’33 euros na renovación de parte do material de atletismo: xavelinas, cintas métricas, valos, listóns, indicadores de distancia, un xergón… Adquiríronse tamén elementos novos cos cales aínda non se contaba: un marcador, un anemómetro e prismas de saída.

A concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra), manifesta que se continúa así na liña de traballo de facilita-la práctica deportiva dos clubs do municipio. Neste caso, a Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza será a entidade beneficiaria. O seu presidente, José Moure, comunicoulle o agradecemento por esta nova prestación que facilitará o desenvolvemento da súa actividade cotiá e das competicións que organizan.

A este respecto, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), lembra que está na fase de execución o proxecto de construción do módulo cuberto no estadio municipal da Alta e tamén indica outras actuacións pendentes como, por exemplo, a renovación da pista.