A mostra, que recolle cerca dun centenar de obras do artista cubano, permanecerá aberta no Palexco ata o 21 de maio
Na exposición, Villalobo repasa as fondas influencias de Picasso na súa obra
Palexco acolle desde hoxe e ata o 21 de maio a exposición “Villalobo. O vento comezou de novo”, coa que Nelson Villalobo rende homenxe á figura de Picasso e a súa influencia artística. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a apertura da mostra acompañada por Carmen Jiménez, comisaria da exposición, e Nelson Villalobo, autor das obras. “Esta exposición homenaxea a Picasso, pero á vez homenaxea tamén á Coruña, reivindicando a súa influencia”, explicou a rexedora.
A mostra recolle preto dun centenar de obras realizadas entre 1970 y 2022 por Nelson Villalobo coas que o artista, picassiano confeso xa nos inicios da súa práctica artística a principios dos 90, réndelle homenaxe a Picasso dentro do marco da celebración do 50 aniversario da súa morte. “A Villalobo gústalle definirse como alguén que xoga a ‘ser pintor todos os días’ e como tal é un excelente xogador, un deses artistas excepcionais que nos enchen coa súa creatividade, o poder da súa cor e a súa simboloxía, sen deixarnos nunca indiferentes” sinalou a alcaldesa. Na mostra, Villalobo simboliza a influencia que Picasso tivo sobre el, por exemplo na súa serie de ‘Meninas’ que comeza a inicios deste século e que ten o seu apoxeo en outras obras más recentes de forte tendencia postmoderna.
Villalobo é un pintor de influencias, representando nas súas obras moitos elementos aparentemente inconexos que nunca deixan indiferentes pola súa cor e simboloxía. É precisamente esa reivindicación da influencia o que aporta “Villalobo. O vento comezou de novo” na Coruña no ano no que se celebra o cincuenta aniversario do falecemento de Picasso. A cidade foi o lugar dos primeiros deseños do artista universal. “Esta exposición podería terse realizado en calquera outra cidade, pero só na Coruña ten o seu máximo sentido como a cidade do vento e da chuvia que dicía Picasso, lembrando a súa estancia na urbe na que amosou os seus primeiros trazos da xenialidade que o fixo inesquecible” destacou a alcaldesa.
Pintor, debuxante, escultor, serigrafista e editor, Nelson Villalobo, nado en Cumanayagua, Cuba, é un artista incansable, un pintor fragmentario, que atopa na ‘resemantización’ do real a súa propia linguaxe. As súas obras formen parte de museos e coleccións privadas de Xapón, México, Hungría, España, Cuba, Rusia, Francia, Estados Unidos, Alemaña, Perú, Nova Zelanda e a República de Mali.
Villalobo bebe de artistas como Matisse, Braque, Miró e o propio Picasso, con quen a exposición está estreitamente vencellada non só pola coincidencia na data coa mostra de Picasso na Coruña, senón porque as obras que expón Villalobo na sala Palexco son unha ‘resemantización’, unha apropiación de Picasso-Villalobo, onde Villalobo atopa a súa expresión pictórica, a súa propia linguaxe nos ecos picassianos. Esta exposición supón unha oportunidade única para gozar desa conxunción, do Pablo Ruiz Picasso que hai en Villalobo e de toda a potencia dun artista que desenvolve a súa expresión pictórica grazas a esa conexión picassiana que o converte nun pintor de pintores.