Friday 22 de November de 2024

O Concello abrirá mañá o prazo de inscrición na segunda edición das “21 Leguas de Narón”


As persoas que desexen participar no evento deportivo “21 Leguas de Narón” poderán inscribirse a partir de hoxe ás 21.00 horas a través da páxina web: www.emesport.es e en 21Leguas.es. O Concello de Narón organiza un ano máis esta convocatoria, que consistirá nun percorrido de 101 quilómetros que se poderá realizar camiñando, correndo ou en bicicleta de montaña e cuxo trazado discurrirá polos termos municipais de Narón, Ferrol e Valdoviño. O Club Deportivo 21Leguas colabora novamente este ano co Concello na organización deste evento.

O concelleiro de Deportes, José Oreona, explicou que actualmente se está ultimando os diferentes tramos polos que discurrirá esta proba deportiva, que terá tamén este ano a saída e a meta no paseo marítimo de Xuvia.

As modalidades nas que se poderá participar son as de E-Bike, Marcha por equipos (4 persoas), Marcha individual, MTB equipos (3 participantes en equipo), MTB individual e MTB parellas (masculina, feminina e mixta). O custe da inscrición é de 70 euros no caso de tramitala ata o 31 de maio e de 80 euros ata o 25 de xullo, data na que se pechará o prazo.

As 21 Leguas é unha proba de superación persoal que ofrecerá aos participantes a posibilidade de coñecer tamén o patrimonio histórico, cultural e natural da comarca.

A maiores dos consistorios polos que discurrirá o trazado, tamén colaborarán a Armada, a Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés.